Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica
Axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro - 2026
Código: PE610C
Data de publicación: 26/05/2026
Inicio solicitude: 04/06/2026
Remate solicitude: 30/10/2026
Entidade promotora: Consellería do Mar

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para fomentar a experiencia e a remuda xeracional a través da formación dos/das estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros, de cara a facilitar o seu embarque e a súa formación a bordo.

Descrición da axuda

Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos:

a) Manutención: 33,26 euros por estudante e día de embarque.

b) Equipamento e roupa de traballo: 500 euros por estudante.

c) Gastos de viaxe: cubriranse os custos de desprazamento do alumnado para embarques fóra do territorio nacional. A reserva deberá realizarse, obrigatoriamente, en clase turista ou mediante a tarifa máis económica dispoñible no momento da súa adquisición, baixo a máxima de eficiencia económica.

d) Os custos indirectos. Enténdense por custos indirectos aqueles que, aínda que non poden vincularse directamente cunha actividade obxecto de subvención, por teren carácter estrutural, resultan necesarios para a súa realización, como gastos de oficina, administrativos, servizos básicos, subministracións (auga, electricidade, teléfono, gas), etc. Para o cálculo destes custos empregarase o método de financiamento a tipo fixo aplicando unha porcentaxe fixa do 7 % do gasto directo total subvencionable.

Os períodos de embarque deben estar comprendidos entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 15 de outubro de 2026.

Serán subvencionables como máximo os gastos de dous/dúas estudantes por barco e período de embarque.

Colectivo obxectivo

Persoas mozas SNGX

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, armadoras de buques pesqueiros inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, que faciliten o embarque dos/das estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros que necesiten un período de embarque nun buque de pesca para obter un título profesional pesqueiro, de acordo co Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro.

O buque debe ter o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e atoparse de alta na 3ª lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras. Ademais, a persoa beneficiaria debe ter a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.