Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas ás entidades promotoras de programas de emprego con apoio para financiar os custos laborais e da Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto no caso de novas contratacións como no caso de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.
Enténdese por emprego con apoio o conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais ou similares características e que conten con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Descrición da axuda
Este programa subvenciona as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio no financiamento dos custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto nos casos de novas contratacións como nos casos de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.
Trátase de favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social con especiais dificultades para a súa inserción laboral, favorecendo a súa integración en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a implementación de accións de emprego con apoio. Exclúense os centros de traballo das administracións públicas e das entidades vinculadas ou dependentes das mesmas.
As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:
a) Orientación, asesoramento e acompañamento a persoa traballadora apoiada, elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.
b) Labores de achegamento e axuda mutua entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.
c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar coa contorna laboral nas mellores condicións.
d) Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
e) Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e a permanencia no emprego.
f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.
Os incentivos previstos nesta orde destinaranse a financiar os custos derivados da contratación das persoas preparadoras laborais que se xerasen ou se xeren durante o desenvolvemento das accións do emprego con apoio, dentro do período subvencionable, que abrangue entre o 1.10.2025 ao 30.9.2026.
A contía base pola persoa preparadora laboral establécese en función do número de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social ou de persoas con discapacidade apoiadas co tipo e grao indicados, correspondendo os seguintes importes:
a) 11.083,33 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na liña a.1) do artigo 8, contratada a xornada completa.
b) 6.650 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na liña a.2) do artigo 8, contratada a xornada completa.
c) 4.156,25 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas nas liñas b), c) ou d) do artigo 8, contratada a xornada completa.
d) 1.625 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na liña e) do artigo 8, contratada a xornada completa.
A contía base reducirase proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibe o apoio, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.
Así mesmo, a contía base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, segundo se dean as seguintes circunstancias (acumulables entre si) na persoa preparadora laboral contratada:
a) Un 25 %, se é unha muller.
b) Un 25 %, se é persoa maior de 45 anos.
c) Un 25 %, se é persoa emigrante retornada ou estranxeira.
d) Un 25 %, no caso de que o centro de traballo da entidade solicitante estea situado nun concello rural.
e) Un 25 %, se é persoa trans.
No suposto de ter dereito a un ou varios incrementos, aplicaranse os indicados na solicitude, salvo que da documentación achegada quede acreditado o dereito a aplicación dalgún incremento superior.
Cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social en centros de traballo ou empresas de concellos distintos ao do seu centro de traballo, poderase conceder unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía máxima de 2.500 € por persoa preparadora laboral, sempre e cando o concepto de desprazamento conste no recibo mensual de haberes.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán promover proxectos de emprego con apoio e seren beneficiarias as seguintes entidades:
1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración, segundo o establecido, coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio e que cumpran os requisitos definidos.
2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.
3. Tamén as empresas de inserción, debidamente inscritas no Rexistro de Empresas de Inserción da Comunidade Autónoma de Galicia que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes do cadro de persoal da mesma empresa ou doutras empresas de inserción.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.