imx_novas

Temática da nova:

Avisos urxentes

Área da nova:

Formación| Xestión OEX
Modificacións nas sondaxes das persoas docentes dos obradoiros de emprego II
Data de publicación: 20 / 10 / 2023

Sinopse

Publícase novamente a nota informativa actualizada sobre as modificacións no proceso de selección dos docentes dos obradoiros de emprego para contemplar a posibilidade de acreditar a competencia docente mediante outras titulacións diferentes ao certificado de Docencia da formación profesional para o emprego (Certificado de aptutide pedagóxica, 600 horas de experiencia docente, máster do profesorado... etc)

Como consecuencia das modificacións realizadas polo Real Decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional dítanse as seguintes modificacións no procedemento de selección das persoas docentes dos obradoiros de emprego.
A sondaxe das ofertas para persoal docente realizarase tendo en conta o establecido nas bases reguladoras da entidade promotora, sempre que estas bases respecten o establecido no artigo 168 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo. En consecuencia:

  • A entidade promotora poderá solicitar candidaturas establecendo unha ocupación concreta relacionada co obradoiro cun CNO a 8 díxitos e unha titulación académica concreta ou un nivel formativo sempre que respecte o establecido no Real decreto de aprobación do certificado de profesionalidade.
  • A entidade promotora poderá solicitar candidaturas establecendo unha ocupación concreta relacionada co obradoiro cun CNO a 8 díxitos e requirir 48 ou máis meses de experiencia.
  • A entidade promotora poderá solicitar candidaturas que cumpran alternativamente os requirimentos anteriores.
  • A entidade promotora non poderá solicitar candidaturas cunha titulación académica concreta ou un nivel formativo e acumulativamente meses de experiencia na ocupación relacionada.
  • As persoas candidatas deberán acreditar a competencia docente

No suposto no que a entidade faga mención ao artigo 168 e non concrete nas súas bases os requisitos das persoas docentes ou, de non existir candidaturas segundo os requisitos adicionais solicitados pola entidade promotora nas súas bases, a oficina realizará dúas sondaxes para dous perfis profesionais. Nas diferentes sondaxes requeriranse 5 candidaturas por posto, deixando ás persoas candidatas incorporadas na oferta ata que finalice o período da difusión.
- Primer perfil profesional

  • Non se mecanizará nivel formativo nin titulación académica.
  • Ocupación (todas as categorías profesionais) relacionada co obradoiro con experiencia mínima de 48 meses
  • ocupación vinculada 23291029 "Formadores de Formación para o Emprego"
  • As persoas candidatas deberán acreditar a competencia docente
  • Ámbito de busca requirido pola entidade.

- segundo perfil profesional

  • Nivel ou titulación formativa requirida para impartir o obradoiro correspondente segundo a normativa de creación do certificado profesional.
  • Ocupación relacionada co obradoiro sen experiencia mínima
  • Ocupación vinculada 23291029 "Formadores de Formación para o Emprego"
  • As persoas candidatas deberán acreditar a competencia docente
  • Ámbito de busca requirido pola entidade.

Unha vez finalizada a difusión, ordenaranse as candidaturas incorporadas polas diferentes sondaxes e a difusión por data de inscrición e achegaranse as candidaturas que cumpran os requisitos, no número que solicite a entidade promotora.

En xestión xeral de candidatos modificarase a situación da oferta ás persoas que non cumpran os requisitos e mecanizarase demandante non enviado con resultado e código 2200 "Non cumpre os requisitos".
No suposto de non obter candidaturas poderanse repetir as sondaxes eliminando a experiencia laboral ( e comprobando manualmente a existencia dos 48 meses de experiencia no suposto de solicitude por ocupación+ 48 meses experiencia), ampliando o ámbito territorial e/ou eliminando a ocupación vinculada 23291029 "Formadores de Formación para o Emprego". Se fose preciso realizar ampliacións deberanse refrescar ambas sondaxes.
Finalmente, de non existir un mínimo de 3 candidaturas que cumpran o indicado no punto anterior, a oficina de emprego informará da insuficiencia de candidatos á correspondente Xefatura Territorial e á entidade promotora por correo electrónico para os efectos da súa constancia nos respectivos expedientes administrativos e sen máis trámite continuará coa tramitación da oferta sen esixir a acreditación da competencia docente.
Neste suposto, a oficina de emprego realizará novas sondaxes acolléndose a flexibilidade de requisitos establecida no artigo 168.c do Real decreto;

  • Sondaxe por ocupación (calquera categoría profesional) con 48 meses de experiencia
  • Ocupación vinculada 23291029 "Formadores de Formación para o Emprego"
  • Revisaranse as candidaturas rexeitadas previamente por non cumprir os requisitos establecidos nos apartados anteriores
  • Non se necesitará a acreditación da competencia docente
  • Ámbito de busca requirido pola entidade.

No suposto de non obter candidaturas poderase repetir a sondaxe ampliando o ámbito territorial e/ou eliminando a ocupación vinculada 23291029 "Formadores de Formación para o Emprego".

 

Nota: acreditación da competencia docente:

Para cumprir o requisito da docencia deberá constar na demanda de emprego das persoas interesadas a posesión do certificado de profesionalidade de "Docencia de formación profesional para o emprego" ou certificado de profesionalidade de formador ocupacional
Tamén poderán impartir módulos formativos de certificados de profesionalidade e outras accións formativas vinculadas ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais:

  • profesorado do sistema educativo, tendo en conta a correspondencia das unidades de competencia asociadas aos módulos profesionais, e recollidas expresamente nas normas reguladoras de cada título de formación profesional, ou certificado de profesionalidade, de acordo co establecido no artigo 8 e na disposición adicional primeira da Lei Orgánica 5/2002, do 19 de xuño, cos módulos profesionais para o seu convalidación, así como a atribución docente dos devanditos módulos profesionais RD 62/2022

Por último, estarán exentos de acreditar a competencia docente: RD 34/2008

a) Quen estea en posesión das titulacións universitarias oficiais de licenciado en Pedagoxía, Psicopedagoxía ou de Mestre en calquera das súas especialidades, dun título universitario de graduado no ámbito da Psicoloxía ou da Pedagoxía, ou dun título universitario oficial de posgraduado nos citados ámbitos.

b) Quen posúa unha titulación universitaria oficial distinta das indicadas no apartado anterior e ademais se atope en posesión do Certificado de Aptitude Pedagóxica ou dos títulos profesionais de Especialización Didáctica e o Certificado de Cualificación Pedagóxica. Así mesmo estará exento quen acredite a posesión do Máster Universitario habilitante para o exercicio das Profesións reguladas de Profesor de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Escolas Oficiais de Idiomas e quen acredite a superación dun curso de formación equivalente á formación pedagóxica e didáctica esixida para aquelas persoas que, estando en posesión dunha titulación declarada equivalente a efectos de docencia, non poden realizar os estudos de máster, establecida na disposición adicional primeira do Real Decreto 1834/2008, do 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e os ensinos de réxime especial e establécense as especialidades dos corpos docentes de ensino secundario.

c) Quen acredite unha experiencia docente contrastada de polo menos 600 horas no últimos dez anos en formación profesional para o emprego ou do sistema educativo.

Con este navegador móvete á anterior (dereita) ou posterior  (esquerda) nova publicada.

© 2024. Emprego Galicia. Información mantida e publicada por Emprego Galicia.

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración