Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Inserción| Programas cooperación
Axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade - 2023
Código: TR341K/E/N/M
Data de publicación: 11/09/2023
Inicio solicitude: 12/09/2023
Remate solicitude: 10/10/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións aos centros especiais de emprego establecidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas:

a) Programa I: axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego, regulado no capítulo II (procedemento TR341K).

b) Programa II: axudas á creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade e adaptación de postos nos centros especiais de emprego, regulado no capítulo III (códigos de procedemento TR341E e TR341N).

c) Programa III: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, regulado no capítulo IV (código de procedemento TR341M).

Descrición da axuda

Programa I. Programa de axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego (procedemento TR341K)

Enténdese por unidades de apoio á actividade profesional os equipos multiprofesionais enmarcados dentro dos servizos de axuste persoal e social dos CEE que permiten axudar a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que as persoas traballadoras con discapacidade dos ditos centros teñen no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como a permanencia e progresión neste.

As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa, correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas, e derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE.

Nos CEE cualificados de iniciativa social, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente e, nos centros que non estean cualificados como tales, subvencionarase como máximo o 80 %.

A contía base da subvención establécese en 1.000 € por cada persoa traballadora apoiada con contrato por tempo indefinido ou temporal de duración igual ou superior a seis meses a xornada completa.

Programa II. Axudas para a creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade e adaptación de postos (procedementos TR341E e TR341N)

Neste programa recóllense dúas liñas de axudas:

a) Axuda para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).

b) Axuda para a adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).

O gasto realizado polos CEE de iniciativa social (excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación) é subvencionable ata o 100 %. O gasto realizado polos demais CEE será subvencionable ata o 80 %.

Programa III. Programa de axudas para o mantemento do custo salarial das persoas con discapacidade nos centros especiales de emprego (procedemento TR341M)

Para ser subvencionables, os contratos de traballo das persoas con discapacidade deberán cumprir a lexislación vixente e, no caso dos contratos fixos-descontinuos, ter unha prestación de traballo mínima dun (1) mes. Para os contratos de traballo de duración determinada previstos no artigo 15 do Estatuto dos traballadores, a duración mínima será de sete (7) días.

Subvencionarase cun importe do 50 % do salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades indicadas na convocatoria, para as persoas con discapacidade contratadas nos centros especiais de emprego que estean de alta na Seguridade Social.

No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

Colectivo obxectivo

Persoal técnico de apoio | Persoas con discapacidade

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.

A integración laboral por medio de centros especiais de emprego vai dirixida a persoas desempregadas ou ocupadas que teñan un grao de discapacidade recoñecido superior ou igual ao 33 %, que teñan un contrato laboral co CEE ou que sexan persoas socias traballadoras, no caso de que o CEE sexa unha cooperativa, e que desempeñen o seu posto de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

No programa I, as persoas destinatarias finais son as persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción sociolaboral.