Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Economía social| Programas cooperación
Axudas a centros especiais de emprego (CEE) para a adaptación de postos de traballo - 2024
Código: TR341N
Data de publicación: 14/02/2024
Inicio solicitude: 15/02/2024
Remate solicitude: 14/03/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións aos centros especiais de emprego co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través do Programa II: axudas á creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade, adaptación de postos e asistencia técnica nos centros especiais de emprego.

O obxecto deste programa é financiar as adaptacións dos postos de traballo que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.

Descrición da axuda

Establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade de adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola que se solicita a subvención.

A contía máxima desta axuda será de 2.000 € por cada posto adaptado.

A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que será solicitado de oficio polo órgano instrutor.

Establécese tamén unha subvención para asistencia técnica prestada por empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional. Poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse, como máximo, en dúas convocatorias.

b) Custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

c) Custes derivados da elaboración de plans de igualdade e plans LGTBI.

d) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada, poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en:

- Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

- Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

- Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o exixa.

- Auditorías sociais que lle permitan á empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.

e) Poderase conceder unha axuda para a realización do informe dun auditor sobre a conta xustificativa das axudas recollidas nos programas I e III da Orde.

As axudas por asistencia técnica teñen os seguintes límites para cada CEE:

- 15.000 € para as modalidades das letras a), b) e c) e d) da epígrafe 1, no seu conxunto.

- 4.000 € para a modalidade da letra e) da epígrafe 1, segundo o número de persoas contratadas polo CEE:

• Ata 10 persoas: 1.000 €.

• Entre 11 e 20 persoas: 2.000 €.

• Entre 21 e 60 persoas: 3.000 €.

• Máis de 60: 4.000 €.

Colectivo obxectivo

Persoal técnico de apoio | Persoas con discapacidade

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios destas subvencións os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.

Igualmente, os centros de traballo para os que se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito decreto, admitíndose a efectos desta subvención os centros de traballo que teñan presentada a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.