Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social, as empresas de inserción poderán acceder ás seguintes liñas de axuda:
a) Asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EI.
b) Inicio e posta en marcha da actividade.
c) Creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.
d) Contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción necesarias para garantir a viabilidade da EI.
e) Contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción.
f) Formación para as persoas en proceso de inserción.
g) Mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou risco de exclusión social.
As entidades promotoras de empresas de inserción poderán ser beneficiarias das axudas indicadas nas letras a) e e). Se a subvención a solicitan as entidades promotoras, non a poderán solicitar a empresa ou as empresas de inserción que promovan.
Descrición da axuda
A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción vai dirixida a persoas desempregadas que se atopen en situación ou en risco de exclusión social por concorrer nelas os supostos recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.
A situación e as circunstancias de risco ou exclusión social que determinen a cualificación dunha persoa como posible persoa traballadora en proceso de inserción nunha empresa de inserción serán acreditadas de conformidade co artigo 24 do Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo.
Esta axuda está destinada a financiar:
1º. Ás entidades promotoras de empresas de inserción, os custos que comporta o proceso de creación de empresas de inserción.
2º. Ás empresas de inserción, os custos dirixidos á mellora, reorientación e diversificación da actividade empresarial.
No caso de creación de empresas, a data de alta no imposto de actividades económicas debe estar comprendida no prazo subvencionable establecido na convocatoria
Son gastos subvencionables:
a) Os estudos de mercado, estudos de viabilidade técnica, económica e financeira e os labores de asesoramento e consultoría que teñan por obxecto a constitución dunha empresa de inserción, a apertura de novos mercados e a reorientación ou diversificación da actividade empresarial.
b) As auditorías contables non obrigatorias que analicen a viabilidade económica e a boa xestión da empresa.
c) As auditorías sociais que lle permitan á empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.
d) Os custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.
A contía desta subvención será equivalente ao 80 % do custo total dos servizos, cos límites seguintes:
a) Estudos de mercado, estudos de viabilidade técnica, económica e financeira e labores de asesoramento e consultoría: máximo de 6.000 €.
b) Auditorías contables: máximo de 1.500 €.
c) Auditorías sociais: máximo de 1.500 €.
d) Certificacións de calidade: máximo de 1.000 € para a certificación e de 1.000 € para a implantación.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as entidades promotoras de empresas de inserción e as empresas de inserción inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción de Galicia de acordo co disposto no Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para este tipo de axudas.
Neste sentido, será válida a cualificación provisional. Con todo, se no momento da xustificación e/ou o pagamento, a cualificación provisional quedase sen efecto e a entidade non obtivese a cualificación definitiva, procederá a revogación das subvencións concedidas, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.