Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para o ano 2024 do Programa ES-Transforma, de apoio á transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, de todo tipo de sociedades e das persoas traballadoras autónomas, que xa estivesen a exercer unha actividade económica.
Descrición da axuda
Os conceptos subvencionables serán os seguintes:
1. Asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación nunha destas entidades de economía social. Os gastos de rexistro, notaría e os informes legalmente preceptivos para o proceso de transformación.
2. Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.
3. Obtención de certificacións de calidade.
4. Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.
5. Plan de protección de datos.
6. Equipamento informático.
7. Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.
8. Mellora na eficiencia enerxética.
9. Adquisición de equipamento.
10. Reforma do local de negocio.
11. Mobiliario.
12. Elementos de transporte.
A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:
- 4.000 € para o gastos incluídos no concepto 1.
- 5.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5.
O límite máximo das axudas para os gastos subvencionables establécese en 50.000 € por entidade beneficiaria.
A contía da axuda indicada poderá incrementarse en 3.000 € por cada una das condicións que se cumpra das que se sinalan a continuación, cun máximo de 24.000 euros por entidade beneficiaria:
a) 3.000 € no caso de que a sede social da entidade beneficiaria estea situada nun concello rural.
b) 3.000 € no caso das entidades beneficiarias que estean formadas maioritariamente por mulleres.
c) 3.000 no caso de que na actividade económica da nova entidade beneficiaria as mulleres contratadas nos grupos ocupacionais se atopen subrepresentadas.
d) 3.000 € no caso das entidades que estean formadas maioritariamente por persoas menores de 30 anos na data de solicitude da axuda.
e) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas emigrantes retornadas.
f) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas maiores de 45 anos.
g) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas con discapacidade.
h) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas trans.
A axuda total para cada entidade beneficiaria polos conceptos recollidos non poderá exceder os 74.000 euros.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderanse acoller a esta subvención as sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos procesos que se detallan a continuación:
a) Constitución por ausencia de remuda xeracional: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultaren extinguidos por causa de crise ou xubilación da súa persoa empregadora (entendéndose como tal as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica).
b) Constitución por persoas autónomas: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, que estean integradas na súa totalidade por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, polo tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.
c) Constitución por transformación:
c.1) Transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude.
c.2) Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte, fundamentalmente, das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social e de transformación nunha sociedade laboral ou nunha cooperativa.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.