Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das axudas do programa Nova oportunidade para as persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Establécese unha modalidade de axuda para as persoas traballadoras autónomas que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio como persoas traballadoras autónomas e son demandantes de emprego no momento previo á nova alta como persoa traballadora autónoma.
A súa finalidade é facilitar a volta á actividade económica á persoa emprendedora a quen lle foi mal no seu anterior negocio pero ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver emprender, no mesmo ou diferente sector.
O programa ten como apoio o bono alta Nova oportunidade para axudar a posta en marcha do novo negocio.
Descrición da axuda
A axuda do bono alta Nova oportunidade será dunha contía de 7.500 € dirixida ás persoas que cumpran os requisitos establecidos, contía que se incrementará en 500 € no caso de que a beneficiaria sexa unha muller.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Serán beneficiarias destas axudas as persoas autónomas que teñan sido autónomas con anterioridade, que queren volver emprender, e cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter causado alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2023 ao 30 de outubro de 2024, e atoparse de alta no momento da solicitude.
b) Ter a última alta no RETA antes desta nova alta, dentro dos últimos 3 anos desde a data da publicación desta axuda.
c) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
d) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral, mantendo a alta no RETA no momento da tramitación e durante un tempo mínimo de 24 meses desde a nova alta.
e) Transcorrer un período mínimo de seis meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.
f) Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia, con anterioridade á nova alta, e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
g) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.
h) Ter dado a baixa no imposto de actividades económicas da actividade precedente.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.