Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica| Inserción
Programas de estadías formativas en empresas ou entidades vinculadas a sectores económicos estratéxicos, destinados ás persoas mozas beneficiarias do SNGX (Xuventude Mentoring na empresa) - 2025
Código: BS324D
Data de publicación: 30/01/2025
Inicio solicitude: 31/01/2025
Remate solicitude: 28/02/2025

Entidade promotora:

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para a posta en marcha de programas de estadías formativas para persoas mozas en empresas ou entidades públicas ou privadas, vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia (programa Xuventude Mentoring na Empresa 2025).

A finalidade destes programas é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no SNGX, non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, cos seguintes obxectivos específicos:

a) Potenciar os programas de educación non formal en que as persoas mozas adquiran os coñecementos e habilidades máis demandados no contexto laboral actual.

b) Achegar as persoas mozas á realidade empresarial e mellorar a súa autonomía persoal.

c) Crear un ecosistema favorable á creación de oportunidades de emprego xuvenil.

d) Favorecer a captación e retención de talento en sectores económicos clave para a economía galega.

Descrición da axuda

As persoas mozas que formen parte dos programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa deberán cumprir os seguintes requisitos na data en que realice a súa selección a entidade beneficiaria da subvención:

a) Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX, de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estar inscritas no SNGX e figurar como persoas beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa das entidades beneficiarias da subvención deberán respectar as seguintes 3 fases:

a) Organización e planificación: inclúe a convocatoria para a selección das persoas mozas participantes, que será obxecto de publicidade, o proceso selectivo e a preparación en competencias laborais, busca das empresas ou entidades en que se desenvolvan as estadías.

As empresas ou entidades en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia e estar vinculadas aos seguintes sectores económicos estratéxicos:

Aeronáutica.

Agroalimentación.

Biotecnoloxía.

Automoción.

Enerxías renovables.

Madeira/forestal.

Metalmecánico.

Naval.

Pedra natural.

Téxtil/moda.

Tecnoloxías da información e da comunicación.

Calidade de vida e benestar.

b) Execución e seguimento das actividades: realización das estadías formativas nas empresas/entidades seleccionadas e seguimento durante a súa realización; titorización das estadías e realización de itinerarios personalizados de inserción das persoas participantes.

c) Avaliación e seguimento posterior á realización das estadías formativas: inclúe a avaliación dos resultados de aprendizaxe obtidos polas persoas participantes durante a actividade que suporá a realización, como mínimo, dunha xornada de orientación laboral co fin de facilitar a súa inserción laboral, antes do vencemento do prazo de xustificación da subvención.

As tres fases teñen que estar interrelacionadas e deseñadas para asegurar que cada persoa moza recibe a atención necesaria para maximizar a efectividade de cada programa.

As estadías formativas poderán comezar a partir do día seguinte á publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta e rematado o proceso de selección das persoas mozas participantes.

Os programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Contar cun mínimo de 8 e un máximo de 12 persoas mozas participantes que reúnan os requisitos establecidos.

b) O período de realización de estadías formativas nas empresas ou entidades será dun mínimo de 3 e un máximo de 4 meses consecutivos, agás causa xustificada, motivada por escrito. Os meses non naturais (cando non comezan no primeiro día do mes) contaranse desde o día de inicio das estadías do mes en curso ata o mesmo día do mes seguinte.

c) As horas formativas nas empresas ou entidades en que se realicen as estadías terán unha duración mínima de 100 horas mensuais e un mínimo de catro días semanais. Estas horas deberán acreditarse mediante unha proba documental de asistencia diaria ás estadías formativas, na cal consten os días laborais da semana, a hora de entrada e saída e a sinatura da persoa participante e da responsable de titorizar as estadías formativas na entidade ou empresa, e segundo os modelo establecidos para o efecto (anexo IV-bis).

d) As estadías formativas desenvolveranse nas empresas ou entidades con que se asinaron os acordos nos termos establecidos na Orde.

As entidades participantes que estean vinculadas a algún dos sectores económicos estratéxicos poderán acoller ata un máximo do 20 % de participantes para a realización das estadías na propia entidade.

e) Os programas presentados deberán contar cun plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas, que se poderán impartir en modalidade presencial, teleformación ou mixta. A maiores, poderán escoller outros contidos que amplíen a formación dos participantes segundo as súas necesidades e particularidades. O plan formativo será desenvolto e impartido pola entidade beneficiaria da subvención.

Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento dos programas.

A entidade beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o 43 do seu regulamento.

Queda fóra desta obriga a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria da subvención para realizar por si mesma a actividade subvencionada.

En todo caso, deberán respectar o disposto na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

En todo caso, o importe máximo da axuda para conceder para cada entidade beneficiaria establécese en 100.000,00 €.

Colectivo obxectivo

Persoas mozas SNGX

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións:

a) As entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que desenvolvan actividades no eido da mocidade e/ou do emprego, e cumpran os requisitos establecidos.

b) Os concellos galegos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este.

Así mesmo, aqueles concellos que, sen constituíren mancomunidade, acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar esta subvención. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.