Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación| Formación e práctica| Inserción| Programas cooperación
Subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no SNGX - Organismos intermedios - 2025
Código: TR349Z
Data de publicación: 22/08/2025
Inicio solicitude: 25/08/2025
Remate solicitude: 22/09/2025
Entidade promotora: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das axudas ás accións de fomento de emprego en colaboración con organismos intermedios sen ánimo de lucro para a contratación durante nove meses de persoas mozas, inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.

Ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas que non estudan nin traballan, inscritas como beneficiarias no Sistema nacional de garantía xuvenil, mediante a prestación de servizos que lles posibiliten ás persoas participantes realizar un traballo efectivo que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.

Descrición da axuda

Efectuada a selección das persoas mozas traballadoras na forma prevista, o organismo intermedio beneficiario efectuará a súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato temporal. Empregarase o modelo de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2025.

Cada contrato terá unha duración mínima de nove meses e unha xornada laboral do 100 %, e ese será o período laboral máximo subvencionable para cada contrato.

Os servizos que se desenvolvan ao abeiro desta axuda deberán posibilitarlles ás persoas contratadas realizar un traballo efectivo en tarefas relacionadas cos fins das entidades beneficiarias, que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo, e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia europea (entenderase por actividade económica calquera actividade consistente na subministración de bens ou servizos nun mercado determinado), e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos en tarefas relacionadas cos fins da entidade beneficiaria sexa como mínimo de 9 meses e a xornada a tempo completo, ao ser esa a duración e a xornada máxima subvencionable.

d) Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables, de ser o caso.

Esta convocatoria establece para a determinación da contía das subvencións, tanto para a concesión como para a xustificación das axudas, o uso de opcións de custos simplificados de acordo co disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño. En particular, a contía da subvención que se concederá será, por cada persoa moza contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado conforme o disposto artigo 53.1.b) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario, tomando como referencia as bases mínimas de cotización vixentes, segundo o grupo de cotización en que se atopen as persoas mozas traballadoras en cuestión, consonte o cadro seguinte:

Grupos de cotización Custo unitario (9 meses)
1. Enxeñeiros e licenciados 22.876,56 €
2. Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados 18.970,11 €
3. Xefes administrativos e de taller 16.504,56 €
4 a 10. Axudantes non titulados, oficiais administrativos, subalternos, auxiliares administrativos, oficiais e peóns 16.380,09 €

Colectivo obxectivo

Persoas mozas SNGX

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios deste programa:

• Os organismos intermedios sen ánimo de lucro que, na data de publicación da presente convocatoria, estean constituídos e inscritos no correspondente rexistro (de asociacións, de clústeres empresariais, de asociacións profesionais de traballadores autónomos, de agrupacións empresariais, etc.), e dispoñan de centro de traballo en Galicia (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústeres empresariais e consellos reguladores).

Incluiranse dentro destas entidades:

– Asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, e de carácter tecnolóxico.

– Consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica.

– Agrupacións industriais empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliadas en Galicia) que representen un colectivo de empresas galegas.

– Clústeres empresariais.

– Asociacións de persoas autónomas.