Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento de concesión de subvencións para a posta en marcha de programas de estadías formativas para persoas mozas en empresas ou entidades públicas ou privadas, vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia (programa Fórmate na Empresa 2026).
A finalidade destes programas é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (SNGX), non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo.
Descrición da axuda
As persoas mozas que formen parte dos programas de estadías formativas, programa Fórmate na Empresa, deberán cumprir os seguintes requisitos na data en que realice a súa selección a entidade beneficiaria da subvención:
a) Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX, de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.
b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
A realización das estadías formativas que formen parte das accións destes programas xerará o dereito a solicitar a expedición do certificado de experiencias en educación non formal en materia de mocidade, regulado na Orde do 26 de febreiro de 2015 pola que se regula o certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude.
Os programas de estadías formativas-programa Fórmate na Empresa das entidades
beneficiarias da subvención deberán respectar as seguintes 3 fases:
a) Organización e planificación: inclúe a convocatoria para a selección das persoas mozas participantes, que será obxecto de publicidade, o proceso selectivo e a preparación en competencias laborais, busca das empresas ou entidades en que se desenvolvan as estadías.
As empresas ou entidades en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia e estar vinculadas aos sectores económicos estratéxicos establecidos na Orde.
b) Execución e seguimento das actividades: realización das estadías formativas nas empresas/entidades seleccionadas e seguimento durante a súa realización; titorización das estadías e realización de itinerarios personalizados de inserción das persoas participantes.
c) Avaliación e seguimento posterior á realización das estadías formativas: inclúe a avaliación dos resultados de aprendizaxe obtidos polas persoas participantes durante a actividade que suporá a realización, como mínimo, dunha xornada de orientación laboral co fin de facilitar a súa inserción laboral, antes do vencemento do prazo de xustificación da subvención.
As tres fases teñen que estar interrelacionadas e deseñadas para asegurar que cada persoa moza recibe a atención necesaria para maximizar a efectividade de cada programa.
As estadías formativas poderán comezar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta e rematado o proceso de selección das persoas mozas participantes de acordo co establecido. Deberán finalizar, como data límite, o 31 de outubro de 2026, agás para aquelas entidades para as cales o órgano instrutor formule nunha nova proposta de resolución, caso en que a data de finalización será o 30 de novembro de 2026.
Os programas de estadías formativas-programa Fórmate na Empresa deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Contar cun mínimo de 8 e un máximo de 12 persoas mozas participantes que reúnan os requisitos establecidos.
b) O período de realización de estadías formativas nas empresas ou entidades será dun mínimo de 3 e un máximo de 4 meses consecutivos, agás causa xustificada, motivada por escrito. Os meses non naturais (cando non comezan no primeiro día do mes) contaranse desde o día de inicio das estadías do mes en curso ata o mesmo día do mes seguinte.
c) A formación nas empresas ou entidades en que se realicen as estadías terán unha duración mínima de 100 horas mensuais e un mínimo de catro días semanais. Estas horas deberán acreditarse mediante unha proba documental de asistencia diaria ás estadías formativas, na cal consten os días laborables da semana, a hora de entrada e saída e a sinatura da persoa participante e da responsable de titorizar as estadías formativas na entidade ou empresa, e segundo os modelos establecidos para o efecto (anexo IV-bis).
d) As estadías formativas desenvolveranse nas empresas ou entidades con que se asinaron os acordos nos termos establecidos na Orde.
As entidades participantes que estean vinculadas a algún dos sectores económicos estratéxicos relacionados, poderán acoller ata un máximo do 20 % de participantes para a realización das estadías na propia entidade.
e) Os programas presentados deberán contar cun plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas, que se poderán impartir en modalidade presencial, teleformación ou mixta. A maiores, poderán escoller outros contidos que amplíen a formación das persoas participantes segundo as súas necesidades e particularidades. O plan formativo será desenvolto e impartido pola entidade beneficiaria da subvención.
Os programas de estadías formativas-programa Fórmate na Empresa deberán contar, como mínimo, cos seguintes recursos humanos:
a) Unha persoa responsable do programa, que o coordine e xestione durante toda a súa duración. A súa porcentaxe media de dedicación ao programa durante todas as fases non poderá ser inferior ao 10 % da xornada completa (37 horas e media semanais).
b) Unha persoa que exerza a figura de titor/a encargado/a do seguimento da formación das persoas participantes nas estadías e que titorice, xunto coa persoa responsable de cada empresa, as estadías formativas. A súa porcentaxe media de dedicación ao programa durante todas as fases non poderá ser inferior ao 75 % da xornada completa (37 horas e media semanais).
Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento dos programas, e deberán respectar o disposto na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
O período de subvencionabilidade dos ditos gastos será desde o día seguinte ao da publicación das bases reguladoras ata o 15 de novembro de 2026, agás para aquelas entidades para as cales o órgano instrutor formule nunha nova proposta de resolución ao abeiro do establecido na Orde, en que a data límite será o 15 de decembro de 2026.
Nesta convocatoria incorpórase o establecemento dun método de custos simplificados conforme o disposto nos artigos 53.1.d), 56.1 e 56.2 do Regulamento (UE) 2021/1060, do 24 de xuño.
En todo caso, o importe máximo da axuda que se concederá a cada entidade beneficiaria establécese en 100.000,00 €.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións:
a) As entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que desenvolvan actividades no eido da mocidade e/ou do emprego, e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.
b) Os concellos galegos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este, así como as entidades resultantes da fusión de concellos a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.