Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Programas cooperación
Subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral - 2024
Código: TR331A
Data de publicación: 18/01/2024
Inicio solicitude: 19/01/2024
Remate solicitude: 19/02/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria destas subvencións que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articulados en itinerarios de inserción ocupacional personalizados e dirixidos a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego e servizos inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral para o exercicio 2024, no ámbito da colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Descrición da axuda

Os servizos de orientación laboral que presten as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde deberán axustarse para a súa realización ao establecido no artigo 8 do Real decreto 7/2015, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego, incluíndo as seguintes actividades:

a) Diagnóstico individualizado e elaboración do perfil ocupacional da persoa demandante de emprego.

b) Deseño do itinerario personalizado para o emprego.

c) Acompañamento personalizado no desenvolvemento do itinerario e o cumprimento do compromiso de actividade.

d) Deseño, planificación e execución de accións grupais de orientación laboral que poidan ser de interese.

e) Asesoramento e axuda técnica adicional para:

1º. A definición do seu currículo, que reflicta o seu perfil profesional en termos de competencias profesionais.

2º. A aplicación de técnicas para a procura activa de emprego.

f) Información e asesoramento adicional sobre:

1º. A situación do mercado de traballo e as políticas activas de emprego.

2º. A oferta formativa e os programas que faciliten a mobilidade para a formación e cualificación europeas.

g) Apoio á xestión da mobilidade laboral.

h) Coordinación e colaboración co resto de persoal de orientación laboral e coa Rede de técnicos de emprego de Galicia.

i) Mellora continuada das súas propias competencias e recursos profesionais para a orientación laboral a través da participación nas accións de formación e capacitación.

A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de 28.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.

No caso das entidades sen ánimo de lucro a contía establecida será de 31.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.

En ambos os casos a citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, caso en que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

En ningún caso se subvencionarán servizos que supoñan contratacións a tempo parcial con xornadas inferiores ao 50 % da xornada laboral a tempo completo.

Colectivo obxectivo

Persoal técnico de apoio

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións:

a) As entidades locais, coa excepción das entidades de ámbito territorial provincial, ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha das anteriores, cuxa titularidade corresponda integramente a ela, sempre que, por si soas ou asociadas entre concellos, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2023 superior a 350 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos galegos (ou a dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos). Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración.

b) As confederacións e asociacións empresariais e as organizacións sindicais de Galicia e as fundacións delas dependentes con experiencia na realización de accións de orientación laboral.

c) As seguintes entidades sen ánimo de lucro, que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras:

– Entidades especializadas en atención a persoas con discapacidade de acordo co recollido nos seus estatutos.

– Entidades especializadas na atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de risco de exclusión social (persoas en procesos de rehabilitación de adiccións, persoas procedentes de cumprimentos de penas penitenciarias, pertencer a unha minoría étnica, muller vítima de violencia de xénero, ...) de acordo co recollido nos seus estatutos.

– Entidades non incluídas nas dúas liñas anteriores, que teñan entre as súas finalidades a atención ao colectivo de persoas en risco de exclusión social ou situación de vulnerabilidade.