Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións para a realización de programas de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (etapa de formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Estes programas de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.
A súa programación integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.
Descrición da axuda
Poderán ser persoas beneficiarias participantes destes programas aquelas persoas mozas de dezaoito ou máis anos que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente no Sistema nacional de garantía xuvenil no momento da selección do alumnado, inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, deberán manter o cumprimento dos requisitos exixidos na Lei 18/2014, con carácter previo a participar nos programas de emprego.
A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de doce meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.
A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 16 de xuño de 2024, salvo que se estableza unha posterior nas resolucións de concesión ou nas prórrogas da data de inicio solicitadas e debidamente xustificadas que, de ser o caso, se autoricen.
As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión.
Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre a data de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente.
Durante o desenvolvemento do proxecto, o alumnado-traballador recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na memoria , alternándoa coa práctica profesional. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados profesionais das correspondentes ocupacións.
Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumnado será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato de formación en alternancia.
Durante esta etapa o alumnado percibirá as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto.
A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder a data de remate do proxecto.
Nos proxectos impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.
Tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os estereotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha gran incidencia na empregabilidade das mulleres mozas.
En todos os proxectos impartirase a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que se vai desempeñar, téndose en conta, se é o caso, os contidos recollidos no correspondente certificado profesional.
O alumnado-traballador, durante todo o proceso formativo, recibirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial. O programa deberá contar con persoal e métodos axeitados para o efecto.
Ao remate da actividade de formación, as entidades promotoras prestaranlle asesoramento ao alumnado-traballador participante, tanto para a procura de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se for o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
As axudas que se conceda para cada proxecto, e que se determinarán na resolución que o aprobe, destinaranse, exclusivamente, a sufragar os seguintes gastos:
a) Os de formación profesional para o emprego e, se é o caso, educación básica durante a duración do proxecto.
b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriba co alumnado.
O importe das cantidades efectivas que se aboarán estará en función do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes no momento da publicación das bases reguladoras no DOG, do número de alumnado participante e da xustificación dos gastos ubvencionados.
Consideraranse como gastos de formación profesional para o emprego e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de ser subvencionados:
a) Os gastos derivados da contratación do persoal formador, directivo e de apoio.
b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.
c) As viaxes ou visitas de carácter didáctico.
d) Gastos de viaxes do persoal formador e directivo do proxecto para asistir a reunións ou xornadas convocadas ou autorizadas, expresamente e por escrito, pola persoa titular da xefatura territorial. O importe subvencionado non excederá o importe das axudas de custo establecidas para o persoal con destino na Administración pública de Galicia do grupo equivalente.
e) Útiles e ferramentas sendo subvencionables todos os que resulten imprescindibles para o desenvolvemento das prácticas do alumnado e cuxo custo unitario de adquisición sexa inferior a 300 euros.
f) Alugamento de elementos de transporte, instalacións, maquinaria e equipamentos, excluído o leasing, que resulten necesarios para a formación do alumnado, cando non dispoña a entidade promotora dos necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.
g) Combustible necesario para o funcionamento da maquinaria utilizada polo alumnado.
h) Gastos de elaboración dos carteis oficiais e vestiario axeitado de traballo do persoal participante no programa de emprego.
i) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do programa de emprego durante o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.
j) Gastos de reparación de maquinaria e equipamentos sempre que se produza durante o desenvolvemento do programa de emprego e como consecuencia do uso dado polas persoas participantes nel. Xunto coa xustificación achegarase un informe asinado pola persoa que desempeñe a dirección do programa de emprego en que se acrediten as mencionadas circunstancias.
k) Outros gastos vinculados de forma directa co programa de emprego necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo, que fosen autorizados na resolución de concesión.
O cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno de formación e por módulos:
a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado e contratado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Mecanismo de equidade interxeracional, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.
b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados.
Para esta convocatoria establécese un importe de 3,91 euros/hora/participante para o módulo A, e de 1,10 euros/hora/participante para o módulo B.
A contía dos anteditos módulos é única para toda a duración do proxecto, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio.
O importe do módulo A ten en consideración a relación dun ou dunha docente a xornada completa para cada dez alumnos/alumnas ou fracción. O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnos/alumnas e polo total de horas, 160 horas por mes de duración do proxecto, considerando a xornada completa.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Os proxectos poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.
Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:
- Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.
- Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.
- Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.