Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.
A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
Descrición da axuda
A contía da subvención que se lles concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller que sofre violencia de xénero contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados elaborado consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a).i) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario mensual, en función do grupo profesional en que se encontren as traballadoras en cuestión, elaborado segundo o disposto no Convenio colectivo de acción e intervención social 2022-2024 máis a cotización empresarial á Seguridade Social, no caso de que non estea bonificada, segundo o seguinte cadro:
Grupos profesionais | Custo salarial mensual | Seguridade Social (31,77%) | Custo unitario mensual |
---|---|---|---|
Custo unitario 1: Grupo profesional 1 | 2.126,57 € | 675,61 € | 2.802,18 € |
Custo unitario 2: Grupo profesional 2 | 1.919,15 € | 609,71 € | 2.528,86 € |
Custo unitario 3: Grupo profesional 3 | 1.682,40 € | 534,50 € | 2.216,90 € |
Custo unitario 4: Grupo profesional 4 | 1.466,60 € | 465,94 € | 1.932,54 € |
Conforme o disposto na Orde TES/106/2024 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE+ para o período de programación 2021-2027, será preciso acreditar, mediante un informe ou documento equivalente, que as persoas traballadoras contratadas non teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. No caso de ter bonificada a cota correspondente á Seguridade Social, para o cálculo do importe elixible descontarase do custo
unitario mensual a parte proporcional correspondente ás ditas bonificacións ou reducións.
Para o caso de contratos de remuda das traballadoras inicialmente contratadas, sempre que se cumpran as condicións da disposición adicional novena do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas, os custos unitarios serán unicamente os custos salariais mensuais, sen ter en conta a cotización á Seguridade Social.
O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.
As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta orde serán as mulleres que sofren violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións:
a) As entidades sen ánimo de lucro.
b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.