Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
Descrición da axuda
A contía da subvención que se concederá ás entidades locais beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.
O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se realicen a tempo parcial.
Para os efectos desta subvención, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
O número máximo de contratacións que se vai subvencionar por cada entidade solicitante establécese, segundo a poboación do ámbito territorial da entidade, de acordo co seguinte:
a) Ata 5.000 habitantes: 1 contratación.
b) Entre 5.001 e ata 20.000 habitantes: ata un máximo de 2 contratacións.
c) Entre 20.001 e ata 50.000 habitantes: ata un máximo de 4 contratacións.
d) Máis de 50.000 habitantes: ata un máximo de 6 contratacións.
Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación con data do 1 de
xaneiro de 2025.
As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta orde serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor e que acrediten a situación de violencia mediante algún dos documentos seguintes:
a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar.
b) Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de
xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos
con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual.
c) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou
local no que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.
d) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, no
cal se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.
e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de
trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral
ou documento equivalente no cal conste a existencia dos ditos indicios.
f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.
g) Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros
de trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual.
En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe
estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data na cal a Consellería
notifique ás entidades locais que as candidatas seleccionadas cumpren os requisitos establecidos.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.