Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Descrición da axuda
Os contratos subvencionables cubrirán os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.
Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Seren prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.
c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50% ou do 75%, esta duración máxima poderá estenderse ata os doce meses. As subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero terán sempre unha duración de doce meses, que deberá iniciarse dentro do exercicio 2023.
e) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria.
f) Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.
A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar.
A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala na cal se conteñen os importes máximos subvencionables ao abeiro desta convocatoria:
– Para o grupo de cotización 1: 2.715,00 €.
– Para o grupo de cotización 2: 2.450,00 €.
– Para o grupo de cotización 3: 2.145,00 €.
– Para o grupo de cotización 4: 1.872,00 €.
– Para o grupo de cotización 5: 1.850,00 €.
– Para o grupo de cotización 6: 1.820,00 €.
– Para o grupo de cotización 7: 1.790,00 €.
– Para o grupo de cotización 8: 1.760,00 €.
– Para o grupo de cotización 9: 1.730,00 €.
– Para o grupo de cotización 10: 1.700,00 €.
En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, a contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada.
Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratada, que reúna os requisitos para percibila.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro que, tanto na data de publicación da presente convocatoria como na data de achega da solicitude, estean inscritas na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en diante, RUEPSS), nas áreas de comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade, e cuxa actividade principal estea dirixida directamente, e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres.
As entidades deberán dispoñer dun centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
Considérase que os servizos se desenvolven no marco de proxectos singulares se son promovidos por entidades que cumpran, como mínimo, unha das seguintes condicións:
a) Prestar servizos a entidades prestadoras de servizos sociais, no ámbito autonómico.
b) Prestar servizos a colectivos de máis dunha área de actuación (RUEPSS), no ámbito autonómico.
c) Prestar servizos a persoas con discapacidade, inclusión, en risco de exclusión social, comunidade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, e ter 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.