Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica| Inserción| Mellora da empregabilidade| Programas cooperación
Subvencións para os obradoiros duais de emprego - 2024
Código: TR353A
Data de publicación: 22/02/2024
Inicio solicitude: 23/02/2024
Remate solicitude: 22/03/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, concibidos como programas de formación, práctica profesional e, no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes, para incentivos á contratación en empresas.

Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Descrición da axuda

A programación dos obradoiros duais de emprego integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se defina, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Poderán ser persoas beneficiarias participantes neste programa aquelas que, estando desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, teñan unha idade igual ou superior aos dezaoito anos.

A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de nove meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

Transcorrido o prazo de duración da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional, valorarase que as entidades promotoras desenvolvan un programa de inserción laboral das persoas participantes nos obradoiros, a través de incentivos á contratación por conta allea durante un mínimo 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.

A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 1 de xullo de 2024, salvo que se estableza unha posterior nas resolucións de concesión ou nas prórrogas da data de inicio solicitadas e debidamente xustificadas que, de ser o caso, se autoricen, e sen prexuízo da data límite para a xustificación final. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente.

A data límite para o inicio das contratacións por conta allea será, con carácter xeral, o 15 de xullo de 2025.

Poderán solicitar o incentivo á contratación os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello. O número máximo de incentivos estará limitado ao número de persoas para as cales se presente un compromiso de solicitude por parte de empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e do ámbito territorial de Galicia.

As subvencións para este programa, e que se determinarán na resolución que aprobe o proxecto, destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:

a) Os de formación profesional para o emprego e, se é o caso, educación básica durante a duración do proxecto.

b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriba co alumnado.

c) Se é o caso, os incentivos á contratación laboral.

Consideraranse como gastos de formación profesional para o emprego e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de ser subvencionados:

a) Os gastos derivados da contratación do persoal formador, directivo e de apoio.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) As amortizacións de instalacións e equipamentos. Para o seu cálculo utilizaranse as táboas de coeficientes anuais de amortización oficialmente establecidas.

d) As viaxes para a formación do alumnado-traballador.

e) Gastos de viaxes do persoal formador e directivo do proxecto para asistir a reunións ou xornadas convocadas ou autorizadas, expresamente e por escrito, pola persoa titular da xefatura territorial.

f) Os materiais de oficina.

g) Os útiles e ferramentas, sendo subvencionables todos os que resulten imprescindibles para o desenvolvemento das prácticas do alumnado, e cuxo custo unitario de adquisición sexa inferior a 300 euros.

h) Alugamento de instalacións, maquinaria e equipamentos, excluído o leasing, que resulten necesarios para a formación do alumnado, cando non dispoña a entidade promotora dos necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

i) Combustible necesario para o funcionamento da maquinaria utilizada polo alumnado.

j) Os gastos xerais como os correspondentes ao consumo de auga, calefacción, comunicacións, limpeza, luz e transportes, excluídos os derivados da súa instalación e conexión.

k) Gastos de elaboración dos carteis oficiais e vestiario axeitado de traballo do persoal participante no obradoiro.

l) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da actuación profesional do persoal do obradoiro dual de emprego durante o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

m) Gastos de reparación de maquinaria e equipamentos, sempre que se produza durante o desenvolvemento do obradoiro e como consecuencia do uso dado polas persoas participantes nel. Xunto coa xustificación achegarase un informe asinado pola persoa que desempeñe a dirección do obradoiro no que se acrediten as mencionadas circunstancias.

n) Gastos destinados á cobertura das medidas de inclusión e igualdade de oportunidades que non impliquen gastos de investimento non subvencionables de acordo co punto seguinte.

ñ) Gastos asociados á adaptación de postos de traballo e/ou axustes razoables precisos para garantir a participación das persoas con discapacidade que non impliquen gastos de investimento non subvencionables de acordo co punto seguinte.

o) Outros gastos de funcionamento que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

O cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno/alumna de formación e por módulos:

a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado e contratado, incluídos, os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.

b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados no número anteriormente.

Para esta convocatoria establécese un importe de 3,91 euros/hora/participante para o Módulo A e de 1,10 euros/hora/participante para o módulo B.

A contía dos devanditos módulos é única para toda a duración do proxecto, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio.

O importe do módulo A ten en consideración a relación dunha persoa docente a xornada completa por cada dez alumnas ou alumnos. O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnas e alumnos e polo total de horas, 160 horas por mes de duración do proxecto, considerando a xornada completa.

Colectivo obxectivo

Persoas desempregadas

Persoas beneficiarias

Os proxectos de obradoiros duais de emprego poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións.