Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, concibidos como programas de formación, práctica profesional e para incentivos á contratación en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.
Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.
Descrición da axuda
A programación dos obradoiros duais de emprego integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.
As entidades promotoras poderán solicitar incentivos á contratación para promover a inserción laboral por conta allea das persoas participantes que rematen o obradoiro con resultado de superado durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia. De ser o caso, as entidades promotoras deberán publicar unha convocatoria de axudas á inserción laboral, a través de incentivos á contratación.
Poderán ser persoas beneficiarias participantes neste programa aquelas que, estando desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, teñan unha idade igual ou superior aos dezaoito anos.
Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato de formación en alternancia, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao obradoiro dual de emprego, durante toda a duración da etapa de formación en alternancia, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, modificado polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.
A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de nove meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.
Transcorrido o prazo de duración da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional, as entidades promotoras poderán desenvolver un programa de inserción laboral das persoas participantes nos obradoiros, a través de incentivos á contratación por conta allea durante un mínimo 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.
A data límite para o inicio das contratacións por conta allea será de dous meses contados desde a finalización do obradoiro dual de emprego.
A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 1 de xuño de 2026.
As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión.
Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente.
As entidades promotoras poderán solicitar incentivos á contratación; o número máximo de incentivos estará limitado ao número de persoas para as cales se presente un compromiso de solicitude por parte de empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e do ámbito territorial de Galicia e en ningún caso superará o número máximo de alumnos/as-traballadores participantes no obradoiro. A contratación laboral terá unha duración dun mínimo de 3 meses a xornada completa e deberá comezar no prazo de dous meses desde a finalización do obradoiro dual de emprego, polo que a publicación da convocatoria deberá ser realizada con suficiente antelación.
A axuda destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:
a) Os de formación profesional para o emprego e, se é o caso, educación básica durante a duración do proxecto.
b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriban co alumnado.
c) Se é o caso, os incentivos á contratación laboral.
O importe das cantidades efectivas que se aboarán estará en función do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes, do número de alumnado participante e da xustificación dos gastos subvencionados.
Subvención para custos de formación profesional para o emprego
O cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno/alumna de formación e por módulos:
a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Mecanismo de Equidade Interxeracional, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.
b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados no número 1 do artigo anterior.
Para esta convocatoria establécese un importe de 4,49 euros/hora/participante para o módulo A e de 1,27 euros/hora/participante para o módulo B.
A contía dos devanditos módulos é única para toda a duración do proxecto, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio.
O importe do módulo A ten en consideración a relación dunha persoa docente a xornada completa por cada dez alumnas ou alumnos. O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnas e alumnos e polo total de horas, 160 horas por mes de duración do proxecto, considerando a xornada completa.
Subvención para custos salariais do alumnado-traballador
Nos contratos formativos que a entidade promotora subscriba co alumnado participante nos obradoiros duais de emprego, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subvencionará o 100 % do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional dunha paga e media extraordinaria.
Así mesmo, tamén subvencionará a totalidade das cotas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, Fondo de Garantía Salarial e desemprego previstas para os devanditos contratos na súa normativa específica.
Computaranse como custo salarial subvencionable as situacións en que non se presta servizo efectivo como as ausencias xustificadas e os períodos de baixa por incapacidade temporal polos gastos non compensados pola Seguridade Social que sexan asumidos pola entidade beneficiaria.
Subvención para incentivos á contratación
No caso de que a entidade promotora achegue compromisos de contratación en empresas que cumpran os requisitos, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subvencionará un importe fixo de 3.000 euros por cada persoa traballadora, correspondente ao contrato mínimo de 3 meses a xornada completa.
Así mesmo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subvencionará a entidade promotora cun importe de 1.500 euros por cada unha das ditas insercións acadadas.
Ademais, a entidade promotora poderá ter dereito a percibir un importe de 2.000 euros pola realización dunha diagnose xustificativa ao respecto das especialidades formativas que se impartirán no obradoiro vinculadas ás necesidades de cobertura de postos de traballo que por parte do tecido produtivo do ámbito territorial do obradoiro xustifiquen esa necesidade.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Serán persoas beneficiarias desta axuda os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este.
Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:
- Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.
- Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.
- Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertence a ela.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.