Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Inserción
Subvencións para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero - 2024
Código: SI451A
Data de publicación: 15/01/2024
Inicio solicitude: 16/01/2024
Remate solicitude: 15/02/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Resolución ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.

Descrición da axuda

As persoas destinatarias finais dos programas regulados nesta resolución serán as mulleres vítimas de violencia de xénero inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.

Serán subvencionables os programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral. Nestes programas establécese de xeito obrigatorio un obxectivo cuantitativo de inserción laboral das mulleres participantes neles, que será de, polo menos, o 10 % das participantes, que deberán acadar a súa inserción laboral no período subvencionable.

As actuacións dos programas e os importe das subvencións son os seguintes:

1. Itinerario de inserción de inserción.

Neste módulo, a asignación da subvención será de 21,01 €/hora de traballo efectivo, máis o 20% en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por persoal técnico con titulación universitaria, titulación superior de FP complementada con experiencia profesional e/ou formación especializada ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á titulación referida, respectando, en todo caso, as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión, en todos os postos en que así estea establecido por normativa legal.

O citado custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase, ata un máximo de 1.147 horas por profesional, para o período subvencionable de 8 meses, que se corresponden coa dedicación dun/unha profesional a xornada completa. Neste suposto, será necesario acreditar, durante todo o programa, un número mínimo de vinte (20) mulleres participantes, das cales o 60% doce (12) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no seu itinerario de inserción. Este número de mulleres atendidas previsto nesta resolución incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

2. Formación para o emprego.

Este módulo comporta para o seu desenvolvemento a presenza de monitorado, e/ou titorización no caso de teleformación. A asignación do módulo será de 21,01 €/hora de traballo efectivo máis o 40% en concepto doutros custos directos e indirectos.

Os importes establecidos corresponderán integramente cando teñan dereito á certificación acreditativa pola súa realización un mínimo de cinco participantes. A este respecto, entenderase que xeran dereito a certificado acreditativo da realización da acción formativa as participantes que asistisen, como mínimo, ao 60% do total das horas de duración da dita acción, ou, no caso de teleformación, que executasen, polo menos, o 60% dos contidos dentro do período formativo, de ser o caso.

As accións formativas previstas neste módulo de formación para o emprego deberán ter unha duración mínima de 8 horas e estar iniciadas e finalizadas dentro do período subvencionable.

3. Actuacións de apoio á conciliación.

Este módulo terá una asignación de 16,11 €/hora por servizo de conciliación efectivamente prestado máis o 20% en concepto doutros custos directos e indirectos.

4. Bolsas para as participantes no programa.

Este módulo terá unha asignación de 50 euros ao mes por participante, sempre que acredite a súa inclusión e participación activa no programa durante un mínimo de 20 días do mes correspondente.

A entidade beneficiaria realizará o pagamento destas bolsas mensualmente ás participantes, unha vez acreditado o dereito á bolsa segundo o disposto no parágrafo anterior, e con data límite o día 15 do mes seguinte a que corresponda o aboamento.

A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 80.000 euros.

Colectivo obxectivo

Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser destinatarias destas subvencións as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución e, de xeito particular, deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

Estes requisitos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.