Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación| Formación e práctica
Accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas - 2023
Código: TR307P
Data de publicación: 15/06/2023
Inicio solicitude: 16/06/2023
Remate solicitude: 02/10/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións das accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas e con compromiso de contratación.

Enténdese por unidade formativa da empresa, a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos establecidos, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.

Descrición da axuda

Serán subvencionables ao abeiro do disposto, e nos termos establecidos no artigo 28 do Real Decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia, que garden relación coa actividade empresarial das entidades solicitantes e estean incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.

As empresas beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou poderán recorrer á súa contratación, por unha soa vez, sempre que resulten adecuados para tal fin, nos termos da letra a) do número 2 do artigo 14 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

A acción formativa está constituída polo contido específico das especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e polos módulos transversais a que se refire esta axuda.

As accións formativas obxecto de financiamento por esta orde deberán impartirse na modalidade presencial.

As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada, na data da súa incorporación á acción formativa.

Non será precisa a inscrición como demandante de emprego cando unha norma específica así o determine e, en particular, no suposto de persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Así mesmo, logo da conformidade da beneficiaria da subvención, poderán participar nas accións formativas as persoas demandantes de servizos previos ao emprego, nos termos que establezan os instrumentos de coordinación do Sistema nacional de emprego.

A contratación comprometida realizarase no prazo de dous meses desde o remate da acción formativa e, en todo caso, dentro do prazo límite que, de ser o caso, se determine.

A concesión e xustificación da subvención realizarase a través do réxime de módulos previsto nos artigos 3 e 4 da Orde TMS/368/2019. Para os efectos de aplicar o dito réxime, os módulos económicos determinaranse aplicando criterios obxectivos en atención aos valores medios de mercado dos distintos compoñentes dos custos directos e indirectos da actividade formativa e en función da familia ou área profesional, e/ou a especialidade formativa.

Unha vez ditada e notificada a resolución de concesión as entidades poderán solicitar o pagamento dun anticipo con carácter previo ao inicio da actividade por un importe máximo do 25 % da subvención concedida.

Unha vez acreditado o inicio da acción formativa, a beneficiaria poderá solicitar o pagamento dun segundo anticipo de ata o 35 % adicional. Este 35 % adicional calcularase sobre o importe global concedido para a acción formativa concreta a que se refira.

No caso de non existir a solicitude de anticipo do 25 % previa ao comezo da actividade e unha vez acreditado o inicio da acción formativa, poderase solicitar de maneira conxunta un anticipo de ata o máximo do 60 % do importe concedido.

O resto do importe concedido farase efectivo, unha vez finalizada e xustificada a realización de toda a actividade formativa do expediente subvencionado.

Para o cálculo do importe que se vai aboar terase en consideración a xustificación presentada.

Colectivo obxectivo

Persoas desempregadas

Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, que adquiran, no marco da actividade subvencionada, o compromiso de contratación das persoas traballadoras aprobadas e/ou formadas ao que se refire esta axuda.