Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Conciliación
Axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade - 2023
Código: SI440A
Data de publicación: 11/07/2023
Inicio solicitude: 12/07/2023
Remate solicitude: 11/08/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

As axudas reguladas por esta Resolución teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas para fomentar a asunción, especialmente por parte dos homes, dos dereitos asociados coa corresponsabilidade e coidados. Serán subvencionables as situacións de redución de xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2022 e o 31 de xullo de 2023, ambos os dous inclusive, das persoas sinaladas como beneficiarias.

Descrición da axuda

A redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos, incluíndo tamén a modalidade de redución de xornada por coidado dunha filla ou fillo afectada/o por cancro ou por calquera enfermidade grave que non reciba a prestación económica regulada no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave.

A redución de xornada de traballo para o coidado dunha filla ou fillo menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. A redución de xornada terá que ser de polo menos o 12,5 % da xornada.

O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito meses (8) comprendidos entre o 1 de agosto de 2022 e o 31 de xullo de 2023, ambos os dous inclusive.

Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada que se cumpran os requisitos entre o 1 de agosto de 2022 e o 31 de xullo de 2023, ambos os dous inclusive, co límite máximo de oito (8) meses.

A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos:

a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 1.700 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300 euros.

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 2.800 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 3.100 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700 euros.

Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de 12 anos, nalgún momento do período subvencionable, incluíndo aqueles polos/as que se solicita a redución de xornada.

A contía da axuda, reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a 8 meses. Para o cálculo da contía da axuda computaranse meses de 30 días.

Para a asignación do tramo de contía da axuda, de acordo ás súas maiores dificultades para a conciliación e o maior risco de vulnerabilidade, no caso de fillas ou fillos menores de 12 anos con discapacidade dunha porcentaxe igual ou superior ao 33 %, estes computaranse aplicando un coeficiente multiplicador de 2.

Nesta mesma liña e tendo en conta tamén os seus menores ingresos, no caso de familias monoparentais contabilizarse a cada fillo/a que conviva coa persoa titular da familia monoparental aplicando un coeficiente multiplicador de 2.

Colectivo obxectivo

Persoas traballadoras por conta allea

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, que no período comprendido entre o 1 de agosto de 2022 e o 31 de xullo de 2023, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:

a) No caso de unidades familiares non monoparentais de persoas proxenitoras de distinto sexo, co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

b) No caso de unidades familiares non monoparentais de persoas proxenitoras do mesmo sexo, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido e sexa persoa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

c) No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido que sexa persoa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

Para obter a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán cumprir todos os requisitos, condicións e obrigas establecidos e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

a) Estar empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega.

b) Convivir coa filla ou o fillo durante o período subvencionable. Nos casos en que exista un acordo de custodia compartida, computarase o tempo de convivencia e o cálculo do período obxecto da subvención en proporción, segundo os termos do citado acordo.

c) Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2022.

d) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, en calquera das súas modalidades. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.