Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica| Inserción| Mellora da empregabilidade
Accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) - 2024
Código: TR301K
Data de publicación: 09/07/2024
Inicio solicitude: 10/07/2024
Remate solicitude: 09/08/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar a execución das accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas), tendo como finalidade o financiamento das accións formativas relacionadas dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais con impacto no mercado laboral conducentes a unha formación total ou parcial incluída nun certificado profesional, ou á adquisición de competencias clave.

Descrición da axuda

A acción formativa está constituída polo contido específico da especialidade formativa que se vai impartir e polos módulos formativos transversais a que se refire esta Orde.

Para o caso concreto de ofertas formativas do grao C, a acción formativa estará constituída pola oferta formativa do grao C, a competencia clave e os módulos formativos transversais.

Poderán ser obxecto de subvención aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo IV de cada convocatoria, así como os módulos formativos transversais que se impartan asociados a estas.

Unha acción formativa poderá impartirse nun ou varios grupos e de acordo cos límites que en cada convocatoria se establezan para cada modalidade de impartición.

De ser o caso, e independentemente do número de grupos en que se desagregue unha acción formativa, as sesións de formación e avaliación presencial da acción formativa deberán efectuarse nun único centro presencial.

A acción formativa entenderase iniciada o día do comezo da execución do primeiro grupo formativo e de acordo co calendario aprobado para tal efecto.

No caso de ofertas formativas do grao C, ás persoas destinatarias que non conten cos requisitos de acceso para continuaren os seus itinerarios de formación no Sistema de formación profesional facilitaráselles, á vez, e sen que isto impida o inicio da formación do dito grao, a adquisición e posterior acreditación das competencias básicas vencelladas aos requisitos académicos de acceso que permitan a realización do grao que cursan.

Nas accións formativas impartidas na modalidade presencial e na parte presencial da modalidade virtual, ou cando a formación se desenvolva mediante aula virtual, o número de horas por acción formativa non poderá ser inferior a 4 horas diarias nin superior a 5 horas por día e 25 horas semanais.

Para facilitar o acceso e desaloxo do alumnado ás aulas físicas, así como os procesos de limpeza que se realicen nas instalacións, o tempo mínimo que debe transcorrer entre o remate dunha acción formativa e o comezo da seguinte que teña lugar na mesma aula será de 20 minutos.

Para os efectos de facilitar a conciliación persoal do alumnado e posibilitar un mellor aproveitamento da formación que reciban as persoas participantes, non está permitida a realización das accións formativas no período de tempo comprendido entre as 21.00 e as 9.00 horas.

Na modalidade virtual, o límite máximo de horas de formación que se pode programar por mes natural será de 120. Este número de horas reducirase proporcionalmente en caso de que a formación non se imparta a mes completo; considéranse, para efectos de realizar este axuste, meses de 30 días.

Nas accións formativas impartidas na modalidade virtual non poderán impartirse en sábado un número de sesións presenciais superior ao 50 % das previstas. Para o cálculo desta porcentaxe non se terán en conta as horas de formación en empresa.

Logo de solicitude da entidade beneficiaria, presentada cunha antelación mínima de 3 días hábiles en relación coa data en que serán de aplicación os cambios solicitados, a modificación das datas e horarios das accións formativas respecto do indicado no anexo II ou, de ser o caso, do autorizado posteriormente como consecuencia doutras solicitudes de cambio presentadas requirirá autorización da dirección territorial competente outorgada a través da aplicación informática SIFO.

Aquelas entidades que asumiron o compromiso de impartir a formación ao 100 % en lingua galega poderán solicitar do órgano competente autorización para cambiar a impartición do curso ao idioma castelán naqueles supostos en que a maioría do alumnado sexan persoas nadas fóra de Galicia.

A formación poderá realizarse, de acordo co que para tal efecto estableza e autorice o correspondente programa formativo da especialidade que se vai impartir, nas modalidades presencial ou virtual.

As entidades de formación estarán obrigadas, en todas as accións formativas subvencionadas a impartir o módulo transversal denominado de Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero (FCOO03), de dez horas de duración, das cales cando menos dúas horas deberán referirse á igualdade de xénero, vinculada coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e corresponsabilidade familiar e doméstica.

Así mesmo, as entidades deberán impartir obrigatoriamente un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de 3 horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas (FCOXXX23), e de 8 horas nos cursos de duración superior a cincuenta horas (FCOXXX24).

Será obrigatorio o curso básico de prevención de riscos laborais de 60 horas naquelas especialidades formativas para as cales así se determine no anexo IV.

Colectivo obxectivo

Persoas desempregadas

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as entidades e centros de formación que, na data de entrada en vigor da correspondente convocatoria, estean acreditados ou, de ser o caso, inscritos para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos B e C e/ou as competencias clave para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.