Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica| Inserción
Accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas)
Código: TR301K
Data de publicación: 22/05/2023
Inicio solicitude: 23/05/2023
Remate solicitude: 22/06/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por finalidade establecer as bases e convocar as axudas para a realización de accións formativas destinadas á cualificación profesional das persoas traballadoras que poden participar nelas, e estarán dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas, ás necesidades de adaptación aos cambios operados nos sectores produtivos e ás aspiracións de inserción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado dunha profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.

Descrición da axuda

O réxime de concesión e xustificación da subvención será a través de módulos económicos, segundo o previsto no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O anexo IV de cada convocatoria incluirá a contía dos módulos económicos específicos establecidos como límite máximo para solicitar para cada familia profesional, área profesional ou especialidade formativa, de acordo co disposto no artigo 3 e no anexo I da Orde EFP/942/2022.

Para os efectos do previsto nesta orde, enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.

A contía da subvención que se vai conceder por cada acción formativa calcularase en función do número de participantes previstos, do número de horas do programa formativo e dos módulos económicos específicos solicitados por participante e hora de formación recollidos, para cada familia, área profesional e/ou especialidade, segundo estableza a correspondente convocatoria, e en función da modalidade de impartición, no anexo IV.

Na formación que se vai impartir na modalidade mixta aplicaranse os módulos correspondentes en función do número de horas de cada tipo de modalidade formativa.

A valoración económica dos módulos transversais será a mesma que a dos módulos económicos establecidos no anexo IV para os contidos específicos da acción formativa, e de acordo coa modalidade de impartición na que se realicen.

Realizada a acción formativa, a liquidación da subvención realizarase nos termos recollidos no capítulo VI desta orde. En ningún caso a liquidación poderá superar a contía da subvención concedida.

Colectivo obxectivo

Persoas desempregadas

Persoas beneficiarias

Poderán solicitar e obter a condición de beneficiarias das subvencións ás cales se refiren estas bases as entidades que, na data de entrada en vigor da correspondente convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados ou, de ser o caso, inscritos para impartiren formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.

De ser o caso, os centros presenciais vencellados a entidades acreditadas para impartiren especialidades formativas na modalidade de teleformación deberán estar homologados na correspondente especialidade na data de entrada en vigor da convocatoria e situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

As entidades solicitantes deberán estar acreditadas ou inscritas, para impartiren a especialidade formativa, no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, que a formación se imparta total ou parcialmente na modalidade de teleformación, no correspondente Rexistro estatal.

As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente acreditadas ou inscritas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.