Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Conciliación| Programas cooperación
Subvencións para a promoción da igualdade - Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero - 2023
Código: SI435A
Data de publicación: 08/05/2023
Inicio solicitude: 09/05/2023
Remate solicitude: 08/06/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión  compartida, para o desenvolvemento de programas, actuacións e medidas para facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a prevención e o tratamento da violencia de xénero, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural, así como para consolidar o funcionamento de servizos de atención integral de información e asesoramento ás mulleres no territorio, co fin de lles prestar unha atención e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación sociolaboral ás mulleres, en particular a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou se atopen nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.

En concreto, a finalidade desta axuda é o Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero.

Descrición da axuda

Serán subvencionables accións directas de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero, que poderán consistir nalgunha das seguintes medidas:

a) Actuacións de promoción da igualdade, prevención da violencia de xénero e tratamento das vítimas, que incorporen na súa metodoloxía un enfoque de xénero, orientadas
a previr a violencia de xénero e a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de
xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes, e dirixidas a impulsar unha atención profesional de maior calidade. As actuacións subvencionables poden ser: accións de empoderamento, autoestima, accións de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación persoal, social e laboral, así como de asesoramento xurídico especializado, de atención directa a menores fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, todas elas na procura da recuperación da súa identidade e autonomía e da restauración dos seus proxectos vitais, e de apoio na súa orientación persoal, social e laboral. Así mesmo, consideraranse elixibles as actuacións de fomento do respecto das persoas pertencentes ao colectivo LGBTIQ para acadar os mesmos dereitos e lograr a integración plena na sociedade.

As medidas estarán dirixidas específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, tanto ás mulleres vítimas de violencia de xénero segundo o indicado, ás mulleres que, polas súas circunstancias persoais ou polo seu contorno familiar ou social, requiran ou aconsellen este tipo de intervención como medida preventiva,
así como a mulleres en situación de vulnerabilidade desde unha abordaxe interseccional.

b) Actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución,
en particular, encamiñadas a mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres que
se atopan nesa situación, a través de accións de información, atención, orientación e para
a mellora da súa situación persoal, social e laboral, así como de asesoramento xurídico
especializado.

Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero referidos a custos directos de
persoal, outros custos directos e custos indirectos.

Só serán subvencionables os gastos xerados entre o 1 de outubro de 2022 e ata o 30
de setembro de 2023, ambos os dous incluídos.

O importe máximo dos custos directos de persoal que se pode presentar para optar a
esta axuda é de 30.000,00 euros; para o caso de que sexa superior, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que o reaxuste.

O cálculo do gasto subvencionable determinarase segundo o método de custos simplificados de financiamento a tipo fixo, en función do importe dos custos directos de persoal subvencionables máis o 10 % dos ditos custos para o financiamento doutros gastos directos e indirectos vinculados á medida subvencionada.

En todo caso, a contía máxima da axuda será de 15.000,00 euros, cando se trate dunha
de solicitude individual, e de 28.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude
para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

Colectivo obxectivo

Mulleres | Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.

Para poder ser beneficiaria das subvencións correspondentes ao programa de apoio aos CIM, a entidade local ten que ser titular dun centro de información á muller (CIM) acreditado.