Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Economía social| Programas cooperación
Axuda para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais - 2024
Código: TR802H
Data de publicación: 24/01/2024
Inicio solicitude: 25/01/2024
Remate solicitude: 26/02/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións destinadas a sufragar os gastos de organización interna e funcionamento de entidades representativas da economía social.

A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e consolidación das entidades representativas da economía social de Galicia, en concreto, das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos de funcionamento.

Descrición da axuda

Considéranse gastos de funcionamento subvencionables os que se indican a continuación:

a) Alugamentos de locais e equipamentos.

b) Gastos de persoal da asociación. Neste concepto só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou ao posto de traballo, as pagas extraordinarias, así como as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

c) Axudas de custo e desprazamento.

d) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e auga.

e) Primas de seguros.

f) Material de oficina, comunicacións e publicacións diversas.

g) Mantemento da páxina web da asociación e xestión de redes sociais, difusión e publicidade.

h) Servizos profesionais independentes, incluídos os gastos derivados do informe auditor da conta xustificativa a que se refire o artigo 31 da Orde. En ningún caso serán subvencionables os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

i) Cotas asociativas a entidades de intercooperación.

j) Gastos de participación do persoal pertencente á entidade beneficiaria en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante.

A contía das axudas non poderá superar o 90 % dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos sen que en ningún caso excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

No caso de axudas de custo e desprazamento, a subvención non superará os 3.000 €.

O importe da subvención para gastos derivados do informe de auditoría da conta xustificativa non superará os 3.000 €.

A contía da subvención non poderá superar, para cada beneficiaria, a contía resultante de multiplicar a puntuación acadada logo da aplicación dos criterios de avaliación, polo cociente entre o crédito asignado na convocatoria e a suma da puntuación acadada por todas as entidades beneficiarias.

A contía máxima da subvención para cada beneficiaria é de 100.000,00 €.

Colectivo obxectivo

Economía social | Persoal técnico de apoio

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas con actividade acreditada e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, dependente da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como as asociacións de sociedades laborais debidamente inscritas e con actividade acreditada, que agrupen principalmente entidades inscritas no Rexistro de Sociedades Laborais de Galicia.