Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Economía social| Programas cooperación
Axuda para o fomento e consolidación das asociacións de centros especiais de emprego e empresas de inserción - 2024
Código: TR358D
Data de publicación: 24/01/2024
Inicio solicitude: 25/01/2024
Remate solicitude: 26/02/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións destinadas a sufragar os gastos de organización interna e funcionamento de entidades representativas da economía social.

A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e consolidación das entidades representativas da economía social de Galicia, en concreto, das asociacións de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, subvencionando parcialmente os seus gastos de funcionamento.

Descrición da axuda

Considéranse gastos de funcionamento subvencionables os que se indican a continuación:

a) Alugamentos de locais e equipamentos.

b) Gastos de persoal da asociación. Neste concepto só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou o posto de traballo, as pagas extraordinarias, as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

c) Axudas de custo e desprazamento.

d) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e auga. e) Primas de seguros.

f) Material de oficina, comunicacións e publicacións diversas.

g) Mantemento da páxina web da asociación, e xestión de redes sociais, difusión e publicidade.

h) Servizos profesionais independentes, incluídos os gastos derivados do informe de auditoría da conta xustificativa ao que se refire o artigo 38 da Orde. En ningún caso serán subvencionables os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

i) Cotas asociativas a entidades de intercooperación.

j) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante.

k) Gastos ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción dos centros especiais de emprego ou das empresas de inserción en Galicia

A contía das axudas non poderá superar o 90 % dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos sen que en ningún caso excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

No caso de axudas de custo e desprazamento, a subvención non superará os 3.000 €.

O importe da subvención para gastos derivados do informe de auditoría da conta xustificativa non superará os 3.000 €.

Colectivo obxectivo

Economía social | Empresas de inserción | Entidades sen ánimo de lucro | Persoal técnico de apoio

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de centros especiais de emprego que asocien unicamente centros inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, así como as asociacións de empresas de inserción que asocien unicamente empresas inscritas como tales no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia.