Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Conciliación
Axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade - 2025
Código: SI440A
Data de publicación: 14/07/2025
Inicio solicitude: 15/07/2025
Remate solicitude: 14/08/2025
Entidade promotora: Consellería de Política Social e Igualdade

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas destinadas a apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade das persoas da unidade familiar que exerciten o dereito á redución da xornada laboral, especialmente por parte dos homes, para o coidado dos seus fillos e fillas.

Descrición da axuda

O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito meses (8) comprendidos entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, ambos os dous incluídos.

Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada en que se cumpran os requisitos, entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, ambos os dous incluídos, co límite máximo de oito (8) meses.

Para a determinación do importe da axuda e a súa xustificación establécese un método de custos simplificados consistente nun custo unitario, conforme o disposto no artigo 53.1.b) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.

A contía das axudas determinarase en función de dúas variables: a porcentaxe de redución de xornada laboral e a súa duración e o número de fillos/as ao cargo da persoa solicitante.

Deste modo, establécense os seguintes custos unitarios para o caso de que a duración total da situación de redución de xornada se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo:

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 1.700 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300 euros.

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo:

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 2.800 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo:

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 3.100 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700 euros.

A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a 8 meses, ou cando a xornada se realice a tempo parcial. Para o cálculo da contía da axuda computaranse meses de 30 días.

Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de 12 anos nalgún momento do período subvencionable, incluíndo aqueles polos/as que se solicita a redución de xornada.

Para a asignación do tramo de contía da axuda de acordo coas súas maiores dificultades para a conciliación e o maior risco de vulnerabilidade, no caso de fillas ou fillos menores de 12 anos con discapacidade dunha porcentaxe igual ou superior ao 33 %, estes computaranse aplicando un coeficiente multiplicador de 2.

Nesta mesma liña, e tendo en conta tamén os seus menores ingresos, no caso de familias monoparentais contabilizarase cada fillo/a que conviva coa persoa titular da familia monoparental, aplicando un coeficiente multiplicador de 2.

Colectivo obxectivo

Persoas traballadoras por conta allea

Persoas beneficiarias

Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, e segundo as seguintes situacións:

a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, tendo en conta que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.

b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.

c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa ao cargo da unidade familiar.

Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.