Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas destinadas ao financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses.
Enténdese por programas integrados de emprego con intermediación laboral aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as seguintes accións:
a) Información, orientación e asesoramento.
b) Formación:
b.1) Accións formativas constituídas por calquera das especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal, previsto no artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro (BOE núm. 217, do 10 de setembro), e regulado pola Orde TMS/283/2019, do 12 de marzo (BOE núm. 63, do 14 de marzo), non vinculadas a certificados profesionais. O total de horas desta formación que se lles deberá ofrecer ás persoas demandantes que formen parte do programa deberá ser, como mínimo, de 200 horas.
b.2) Outra formación non vinculada a certificados de profesionalidade non incluída no punto anterior.
b.3) Formación transversal obrigatoria.
Descrición da axuda
Distínguense os tres seguintes tipos de programas:
A) Programas integrados destinados exclusivamente a mulleres de calquera dos colectivos especificados na seguinte alínea.
B) Programas integrados destinados a persoas desempregadas pertencentes aos seguintes colectivos prioritarios:
a) Persoas con discapacidade.
b) Persoas en risco de exclusión social e as persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.
c) Mulleres coa condición de vítimas de violencia de xénero.
d) Persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por arraigamento socioformativo.
e) Persoas maiores de 52 anos.
f) Persoas menores de 30 anos.
g) Persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia non incluídas na letra b).
h) Persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.
i) Persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, presentado nos doce meses anteriores á publicación desta orde.
j) Mulleres.
k) Persoas desempregadas de longa duración.
l) Persoas inmigrantes.
m) Persoas desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores.
C) Programas integrados de emprego destinados exclusivamente a persoas desempregadas maiores de 52 anos inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
O número de persoas que se vai atender será de 100. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 35 % das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.
A contía máxima da subvención que se concederá será de 220.000 euros por programa.
Ademais, establecerase na resolución de concesión o cálculo de redución no importe total da subvención na fase de liquidación final se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función das persoas demandantes de emprego inseridas e atendidas segundo o disposto na presentación da solicitude da axuda, de acordo coa seguinte fórmula:
– Factor inseridos: subvención concedida × 0,70/número de compromisos de inserción.
– Factor atendidos: subvención concedida × 0,30/número de compromisos de atención sen inserción.
Importe total da subvención = (custo de persoa inserida * núm. de persoas inseridas) + (custo de persoa atendida * núm. de persoas atendidas).
En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.
As axudas reguladas pola presente orde serán incompatibles con calquera outra que financie as mesmas actividades que se recollan na memoria explicativa do programa integrado de emprego presentada coa solicitude da subvención.
Serán gastos imputables unicamente os gastos realizados e efectivamente pagados, producidos en centros situados na Comunidade Autónoma de Galicia. A subvención determinada na resolución destinarase a cubrir os gastos efectivamente realizados pola entidade relativos:
a) Aos custos de persoal asociado ao programa integrado de emprego.
a.1) Aos custos salariais e de Seguridade Social do persoal necesario para levar a cabo as accións do programa, tanto persoal propio da entidade como aqueloutro que se contrate especificamente para a execución do programa.
a.2) Ás retribucións correspondentes a persoas traballadoras por conta propia contratadas exclusivamente para impartir formación. O importe imputado corresponderase co da factura emitida pola formación prestada.
O número máximo de persoas contratadas por conta propia como formadoras que se poderán imputar economicamente será de dez (10).
O importe máximo que se poderá imputar ao programa en concepto de custo de persoal será o 60 % do importe da subvención concedida con cargo á presente convocatoria sen que ao mesmo tempo se poida exceder o 70 % do importe finalmente xustificado e comprobado.
b) Aos gastos de axudas de custo e desprazamento do dito persoal. Para a imputación destes gastos observarase o disposto no Resolución do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia.
c) Ás bolsas de asistencia ás persoas demandantes.
d) Aos gastos de subcontratación da formación establecida.
e) Aos gastos de amortización de materiais e equipamentos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10 % do custo total final do proxecto.
f) Aos gastos xerais, materiais e técnicos, co límite do 35 % do custo final do proxecto. Estes gastos inclúen os seguintes:
Gastos de execución de material técnico (guías, documentación para a persoa participante...) e de execución en material de oficina específicos para a execución do programa.
Gastos xerais necesarios para a execución das accións na parte correspondente á dita execución.
g) Aos gastos derivados do informe da persoa auditora da conta xustificativa.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias:
a) Os concellos, as mancomunidades de concellos ou as entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este.
b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que inclúan nos seus estatutos como un dos seus fins ou obxecto social o acompañamento a persoas desempregadas ou a inserción no mercado laboral.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.