Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto establecer as bases e convocar as axudas económicas destinadas a persoas coidadoras dentro do programa Respiro familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2024.
Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades do citado programa:
a) Modalidade de respiro no fogar, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
b) Modalidade de respiro en centro de día para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa en centros de día da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Modalidade de respiro en residencia para financiar o gasto nas estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Descrición da axuda
a) Modalidade de respiro no fogar.
A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio para atender as necesidade puntuais nos supostos convenientemente acreditados.
A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias e das persoas coidadoras, durante espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle á súa persoa coidadora habitual a posibilidade de dispor dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.
O servizo poderá ser prestado por unha entidade autorizada para prestar o servizo de axuda no fogar e inscrita no RUEPSS ou por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en
atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa coidadora solicitante da subvención. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende en ausencia das persoas coidadoras.
A axuda dirixida ás persoas beneficiarias consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.
b) Modalidade de respiro en centro de día.
A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención no centro de día co fin de atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.
O obxectivo desta modalidade é atender a persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria no centro de día e ofertarlle á súa persoa coidadora habitual a posibilidade de dispor dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.
O servizo deberá ser prestado por unha entidade autorizada como centro de día, inscrita no RUEPSS e que conte coa autorización correspondente para a prestación deste servizo. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende en ausencia das persoas coidadoras.
A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.
c) Modalidade de respiro en residencia para financiar o gasto nas estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.
Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade de subvención destinarase a sufragar os gastos das estadías temporais da persoa en situación de dependencia ou con discapacidade atendida nun centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.500 euros por persoa beneficiaria/ano.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
A persoa atendida dá lugar a unha única axuda, que pode ser compartida por dúas ou máis persoas coidadoras. Neste caso a axuda repartirase proporcionalmente ao gasto xustificado por cada unha das persoas coidadoras.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.