Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación
Axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego - 2025
Código: TR341K
Data de publicación: 20/05/2025
Inicio solicitude: 30/05/2025
Remate solicitude: 30/06/2025

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións aos centros especiais de emprego establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través do Programa I: axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego.

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e de Seguridade Social a cargo da empresa derivados da contratación indefinida das persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, como instrumentos de modernización destes servizos de axuste. A finalidade deste programa é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Descrición da axuda

A integración laboral por medio de centros especiais de emprego vai dirixida a persoas desempregadas ou ocupadas que teñan un grao de discapacidade recoñecido superior ou igual ao 33 %, que teñan un contrato laboral co CEE ou que sexan persoas socias traballadoras, no caso de que o CEE sexa unha cooperativa, e que desempeñen o seu posto de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste Programa I, as persoas destinatarias finais son as persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción sociolaboral, tal e como se definen.

As persoas traballadoras con discapacidade a que se dirixe esta Orde non deben ocupar postos que quedasen vacantes como consecuencia dun despedimento declarado ou recoñecido improcedente dunha persoa traballadora con discapacidade pola cal se concedeu a subvención ao abeiro desta ou doutras ordes de convocatoria de axudas a CEE.

As condicións do posto de traballo de cada unha das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención deben adaptarse ás condicións individuais de cada persoa, de maneira que esta poida desenvolver as tarefas básicas do seu posto de traballo sen menoscabo das súas capacidades.

Con carácter xeral, o período subvencionable comprenderá desde o 1 de decembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025.

As subvencións deste Programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade Social a cargo da empresa, correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas, e derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE, para o desenvolvemento das funcións descritas.

Así mesmo, serán subvencionables as contratacións de interinidade durante o tempo que se substitúa a persoa titular da praza de técnica ou encargada da unidade de apoio, dentro do período subvencionable.

Nos CEE cualificados de iniciativa social ou naqueles que teñan un número igual ou superior ao 50 % do seu cadro de persoal total composto por persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente e, no resto de centros, subvencionarase como máximo o 80 %.

En calquera caso, a contía da subvención non poderá exceder á fixada no convenio colectivo de aplicación para o posto de traballo do persoal traballador da unidade de apoio, estes importes serán como máximo de 1.500 € para o posto de técnico e de 1.200 € para o posto de encargado/a.

A contía base da subvención establécese en 2.400 € por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados con contrato por tempo indefinido ou temporal de duración igual ou superior a seis meses a xornada completa.

A axuda reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos das persoas traballadoras con discapacidade sinaladas no parágrafo anterior, cando teñan unha duración inferior ao ano, así como en función da duración da xornada no caso de que o contrato sexa a tempo parcial.

Colectivo obxectivo

Persoas con discapacidade

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.

Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto; para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.