Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións aos centros especiais de emprego establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través do Programa II: axudas á creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade, adaptación de postos e asistencia técnica nos centros especiais de emprego.
O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables e financiar as adaptacións dos postos de traballo que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.
Descrición da axuda
A integración laboral por medio de centros especiais de emprego vai dirixida a persoas desempregadas ou ocupadas que teñan un grao de discapacidade recoñecido superior ou igual ao 33 %, que teñan un contrato laboral co CEE ou que sexan persoas socias traballadoras, no caso de que o CEE sexa unha cooperativa, e que desempeñen o seu posto de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Neste programa recóllense tres liñas de axudas:
a) Axuda para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo (TR341E).
Establécese unha axuda para a creación de postos de traballo de carácter estable calculada en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición.
Subvencionarase:
A creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade rexistradas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego.
A transformación en indefinidos dos contratos temporais.
O número de postos máximos subvencionables calcularase en función do ano de creación do CEE, da seguinte maneira:
Durante os cinco primeiros anos desde a creación do CEE: será subvencionable un máximo de 7 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.
A partir do sexto ano: será subvencionable un máximo de 5 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.
Para os efectos das axudas reguladas na Orde, considerarase investimento en activo fixo:
a) Acondicionamento de locais de uso exclusivo para o exercicio da actividade no centro especial de emprego cualificado.
b) Adaptación de instalacións do centro de traballo cualificado.
c) Mobiliario do centro de traballo cualificado.
d) Vehículos necesarios para o transporte das persoas traballadoras con discapacidade ao lugar de traballo e para o desenvolvemento da actividade. En ningún caso se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.
e) Maquinaria para a extracción ou elaboración dos produtos do centro de traballo cualificado.
f) Utensilios ou ferramentas que se poden usar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria.
g) Equipos e programas informáticos do centro de traballo cualificado, así como a adaptación necesaria para o seu uso polas persoas con discapacidade do persoal polo que reciban esta subvención.
h) Equipos de oficina do centro de traballo cualificado.
i) Adquisición de locais ou terreos para o exercicio da actividade no centro especial de emprego cualificado.
A contía máxima das axudas establecidas neste artigo determínase con base nas seguintes regras:
Establécese unha contía base de 10.000 € por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral.
Para estes efectos, terase en conta a xornada laboral que conste no contrato indefinido ou na transformación.
Os importes anteriores poderán incrementarse cos seguintes incentivos (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:
a) Un 25 % se a persoa contratada é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa contratada ten unha discapacidade con especiais dificultades de inserción segundo o expresado, ou está en situación ou en risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa contratada é maior de 45 anos.
d) Un 25 % se a persoa contratada ten a condición de persoa emigrante retornada.
e) Un 25 % se é persoa é trans.
f) Un 25 % no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural.
A contía máxima que se vai conceder nesta liña de axudas non supere os 25.000 € por cada posto creado.
b) Axuda para a adaptación de postos de traballo (TR341N).
Establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas.
Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade de adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola que se solicita a subvención.
A contía máxima desta axuda será de 1.800 € por cada posto adaptado.
A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que será solicitado de oficio polo órgano instrutor.
c) Axuda para a asistencia técnica (TR341N).
Establécese unha subvención para asistencia técnica prestada por empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional. Poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:
a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse, como máximo, en dúas convocatorias.
b) Custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.
c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dunha novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada, poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en:
Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.
Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.
Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de maneira obrigatoria por unha disposición que así o esixa.
Auditorías sociais que permitan a empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.
d) Custos derivados dos informes de igualdade e de informes LGTBIQ+.
As axudas por asistencia técnica teñen o límite de 15.000 € por CEE para todas as súas modalidades no seu conxunto.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarios os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos.
Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto; para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.