Tipo de axuda:
Próxima apertura
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas en réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servicio Público de Emprego Estatal, financiadas por esta consellería.
Non se inclúe no ámbito de aplicación desta orde a formación impartida nos programas integrados de emprego, nos obradoiros duais de emprego ou con fondos provenientes da Unión Europea.
Descrición da axuda
As tipoloxías de bolsas e axudas reguladas nesta orde son as seguintes:
- Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:
- Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.
- Membros integrantes dunha familia numerosa.
- Membros integrantes dunha familia monoparental.
- Vítimas de violencia de xénero.
- Axudas por participar na acción formativa:
- Para transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.
- Para manutención.
- Para aloxamento e manutención.
- Para conciliación.
Os distintos tipos de subvención por participar nunha acción formativa son compatibles e acumulables entre si coas seguintes excepcións:
a) As bolsas de asistencia para persoas cunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 33 %, así como as destinadas a persoas que formen parte dunha familia monoparental ou numerosa son excluíntes entre si e non se poderán percibir simultánea e acumulativamente.
b) A axuda por transporte público e a axuda por transporte en vehículo propio son incompatibles entre elas.
Bolsas de asistencia
As persoas traballadoras desempregadas que pertenzan a algún dos seguintes colectivos terán dereito a percibir unha bolsa de 9 euros por día de asistencia:
a) Ter a consideración de persoas con discapacidade de acordo co disposto no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.
b) Ser membro integrante de familia numerosa.
c) Ser membro integrante dunha familia monoparental.
A contía máxima para percibir por este tipo de bolsa será de 9 euros por día de asistencia, independentemente de que a persoa desempregada pertenza simultaneamente a máis dun dos colectivos sinalados.
As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación e que teñan a condición de vítima de violencia de xénero terán dereito a percibir unha axuda de 10 euros por día de asistencia, acumulables, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.
Para estes efectos, entenderanse por vítimas de violencia de xénero aquelas que teñan tal consideración de acordo co disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Inclúese dentro do concepto de violencia de xénero, en aplicación da Lei 14/2021, do 20 de xullo, e a Lei 15/2021, do 3 de decembro, modificadoras ambas da Lei 11/2007, a violencia vicaria e a violencia dixital.
Axudas de transporte
As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación obxecto desta subvención terán dereito a unha axuda de transporte público, independentemente do seu carácter urbano ou interurbano:
a) Axuda de transporte público urbano: o alumnado que utilice a rede de transporte público urbano para asistir á formación terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 € por día de asistencia.
b) Axuda de transporte público interurbano: o alumnado cuxo enderezo de intermediación laboral estea localizado nun concello distinto ao daquel en que teña lugar a acción formativa ou que, coincidindo o concello, deba empregar o transporte público interurbano para asistir á acción formativa, terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 € por día de asistencia.
Ambas as axudas, por transporte público urbano e interurbano, serán compatibles entre si.
De non existir medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral das persoas traballadoras desempregadas que asistan á acción formativa e o lugar en que esta se desenvolva ou, no caso de existir, se o horario regular do transporte público non permite compatibilizalo co horario da acción formativa, terán dereito a percibir unha axuda por transporte en vehículo propio consistente en 0,19 € por quilómetro e día de asistencia, cun máximo de 25 euros diarios.
Axudas de manutención e aloxamento
Se o horario de impartición da acción formativa é de mañá e de tarde, e a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia e o lugar en que se desenvolve aquela acada ou supera os 20 quilómetros, terase dereito a unha axuda de manutención pola contía xustificada e por un importe máximo de 12 euros diarios.
No caso de que a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se imparte a acción formativa sexa igual ou superior aos 100 quilómetros, ou que, pola rede de transportes existentes, os desprazamentos non se poidan efectuar diariamente antes e despois das clases, terase dereito a unha axuda de aloxamento e manutención, sempre que a asistencia á acción formativa sexa en horario de mañá e tarde e implique que a persoa solicitante se deba aloxar no
concello en que ten lugar a súa impartición. A concorrencia desta última circunstancia será apreciada polo órgano competente.
A axuda por aloxamento e manutención será dun máximo de 80 € por día natural e o alumnado terá dereito aos billetes de transporte en clase económica dos desprazamentos inicial e final.
Axudas á conciliación
As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación de referencia e que teñan que conciliar a súa participación co coidado de fillas/os menores e/ou persoas acollidas menores de doce anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao terán dereito a unha contía igual ao 75 % do IPREM diario por día de asistencia, acumulable, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas indicadas e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral, así como os particulares establecidos para cada tipo de bolsa ou axuda.
Terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada na data de inicio da acción formativa.
Poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas, adquiran posteriormente a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada durante o período de desenvolvemento da acción formativa.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.