Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica| Inserción
Axudas para realizar o Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego - 2023
Código: TR341X
Data de publicación: 31/10/2023
Inicio solicitude: 01/11/2023
Remate solicitude: 30/11/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións a centros especiais de emprego sen ánimo de lucro para realizar proxectos de formación dual baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a formación recibida no marco do Sistema de formación profesional para o emprego, coa finalidade de capacitar persoas con discapacidade intelectual para mellorar a súa inserción profesional, a través de proxectos de formación adaptados, que alternen entre o emprego e a formación e que habiliten a obtención de certificados de profesionalidade.

Descrición da axuda

O importe da subvención financiará os seguintes conceptos subvencionables:

a) Axuda ao custo salarial das persoas alumnas-traballadoras.

Esta axuda consiste no financiamento parcial do custo salarial das persoas alumnastraballadoras con discapacidade intelectual que estean de alta na Seguridade Social mediante un contrato de formación en alternancia.

Finánciase o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente respecto da xornada de traballo efectiva (incluídas dúas pagas extras ao ano). Considérase xornada de traballo efectiva o 50 % da xornada máxima aplicable segundo o convenio colectivo de aplicación ou, na falta deste, da xornada máxima legal.

O cálculo da contía realizarase co importe do SMI establecido polo Consello de Ministros mediante o Real decreto 99/2023, do 14 de febreiro, polo que se fixa o salario mínimo interprofesional mensual para o ano 2023.

b) Axuda para o persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade.

A axuda consiste no financiamento dos custos salariais das persoas contratadas para o apoio e o acompañamento das persoas con discapacidade no seu posto de traballo.

A subvención calcúlase en función do número de persoas con discapacidade con contrato de formación en alternancia atendidas, nunha contía de 2.400 € anuais por cada persoa alumna-traballadora efectivamente atendida.

c) Axuda para a actividade formativa.

Financiarase a actividade formativa ata o máximo do 50 % da xornada laboral estipulada por convenio colectivo.

Estas axudas complementan o financiamento establecido polo Estado sobre o custo da formación asociada ás persoas alumnas-traballadoras coas cales se concerte o contrato para a formación en alternancia.

Subvencionarase a porcentaxe da xornada laboral destinada á formación non susceptible de financiamento polo Servizo Público de Emprego Estatal, ata as porcentaxes máximas previstas dun 25 % da xornada o primeiro ano do contrato e do 35 % no segundo e terceiro ano.

Colectivo obxectivo

Persoas con discapacidade

Persoas beneficiarias

Poden beneficiarse das subvencións as persoas físicas ou xurídicas que na data de presentación da solicitude figuren inscritas como centros especiais de emprego no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.