Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Conciliación| Formación e práctica
Subvencións para bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego - 2023
Código: TR301V
Data de publicación: 27/10/2023
Inicio solicitude: 01/11/2023
Remate solicitude: 30/12/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de especialidades ou módulos formativos do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.

Descrición da axuda

As tipoloxías de bolsas e axudas son as seguintes:

Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:

- Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.

- Persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego.

- Membros integrantes dunha familia numerosa.

- Membros integrantes dunha familia monoparental.

- Vítimas de violencia de xénero.

Axudas por participar na acción formativa:

- Para transporte público, urbano e interurbano ou vehículo propio.

- Para manutención.

- Para aloxamento e manutención.

- Para conciliación.

Os distintos tipos de subvención son compatibles e acumulables entre si coas seguintes excepcións:

a) As bolsas de asistencia para persoas cunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 33 %, as das persoas que participen nunha acción formativa solicitada desde o seu itinerario persoal individualizado de emprego (IPE), así como as destinadas a persoas que formen parte dunha familia monoparental ou numerosa, son excluíntes entre si e non se poderán percibir simultánea e acumulativamente.

b) A axuda por transporte público e a axuda por transporte en vehículo propio son incompatibles entre elas.

Colectivo obxectivo

Persoas con discapacidade | Persoas desempregadas | Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das bolsas e axudas as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas indicadas e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral e os particulares establecidos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda.

Para os efectos do indicado, terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e con situación laboral como non ocupada, na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa.

Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, adquiran a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o período de desenvolvemento da acción formativa.