Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto regular a concesión directa de subvencións en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal, financiadas pola da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Descrición da axuda
As tipoloxías de bolsas e axudas reguladas nesta orde son as seguintes:
Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:
- Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.
- Membros integrantes dunha familia numerosa.
- Membros integrantes dunha familia monoparental.
- Vítimas de violencia de xénero.
Axudas por participar na acción formativa:
- Para transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.
- Para manutención.
- Para aloxamento e manutención.
- Para conciliación.
Estes tipos de subvención son compatibles e acumulables entre si coas seguintes excepcións:
a) As bolsas de asistencia para persoas cunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 33 %, así como as destinadas a persoas que formen parte dunha familia monoparental ou numerosa son excluíntes entre si e non se poderán percibir simultánea e acumulativamente.
b) A axuda por transporte público e a axuda por transporte en vehículo propio son incompatibles entre elas.
Nas actividades presenciais, o dereito do alumnado a percibir as bolsas e axudas referirase a cada día de asistencia debidamente acreditada a través dos medios de control de presenza autorizados.
O alumnado que participe en accións formativas impartidas, total ou parcialmente, na modalidade de teleformación ou mediante aula virtual, terá dereito a percibir, sempre que quede debidamente acreditada a súa participación ou asistencia e cumpran cos requisitos necesarios para a súa obtención, as seguintes bolsas e axudas:
- bolsa de asistencia pordiscapacidade,
- bolsa de asistencia por ser membro dunha familia monoparental ou numerosa,
- axuda por conciliación,
- axuda a vítimas de violencia de xénero e
- así mesmo, de ser o caso, axudas por transporte, para manutención ou por aloxamento e manutención, naquelas sesións en que a actividade formativa requira a presenza física das persoas alumnas participantes.
Bolsas de asistencia para persoas con discapacidade e membros integrantes de familias numerosas ou familias monoparentais
As persoas traballadoras desempregadas que pertenzan a algún destes colectivos terán dereito a percibir unha bolsa de 9 euros por día de asistencia.
A contía máxima para percibir por este tipo de bolsa será de 9 euros por día de asistencia, independentemente de que a persoa desempregada pertenza simultaneamente a máis dun dos colectivos sinalados.
No suposto de que o recoñecemento da discapacidade, ou da condición de familia numerosa ou monoparental, teña lugar con posterioridade ao inicio da acción formativa, terán dereito a percibir esta bolsa a partir do primeiro día do mes seguinte ao que teña lugar este recoñecemento, tendo que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que o dito recoñecemento tivo lugar.
No caso de que dúas persoas conviventes pertencentes a unha mesma unidade familiar participen na mesma acción formativa, só se aboará a axuda por familia numerosa a unha delas.
Para ter dereito ás bolsas o alumnado deberá presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I de solicitude, e deberá carecer de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples, en diante, IPREM.
Bolsas para vítimas de violencia de xénero
As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación a que se refire esta orde e que teñan a condición de vítima de violencia de xénero terán dereito a percibir unha axuda de 10 euros por día de asistencia, acumulables, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.
Axudas de transporte
As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación terán dereito a unha axuda de transporte público, independentemente do seu carácter urbano ou interurbano:
a) Axuda de transporte público urbano: o alumnado que utilice a rede de transporte público urbano para asistir á formación terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 € por día de asistencia.
b) Axuda de transporte público interurbano: o alumnado cuxo enderezo de intermediación laboral estea localizado nun concello distinto ao daquel en que teña lugar a acción formativa ou que, coincidindo o concello, deba empregar o transporte público interurbano para asistir á acción formativa, terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 € por día de asistencia.
Ambas as axudas, por transporte público urbano e interurbano, serán compatibles entre si.
Axudas de manutención e de aloxamento e manutención
Se o horario de impartición da acción formativa é de mañá e de tarde, e a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia e o lugar en que se desenvolve aquela acada ou supera os 20 quilómetros, terase dereito a unha axuda de manutención pola contía xustificada e por un importe máximo de 12 euros diarios.
No caso de que a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se imparte a acción formativa sexa igual ou superior aos 100 quilómetros, ou que, pola rede de transportes existentes, os desprazamentos non se poidan efectuar diariamente antes e despois das clases, terase dereito a unha axuda de aloxamento e manutención, sempre que a asistencia á acción formativa sexa en horario de mañá e tarde, e implique que a persoa solicitante se deba aloxar no concello en que ten lugar a súa impartición. A concorrencia desta última circunstancia será apreciada polo órgano competente.
A axuda por aloxamento e manutención será dun máximo de 50 € por día natural e o alumnado terá dereito aos billetes de transporte en clase económica dos desprazamentos inicial e final.
Axudas á conciliación
As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación e teñan que conciliar a súa participación co coidado de fillas/os menores e/ou persoas acollidas menores de doce anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao, terán dereito a unha contía igual ao 75 % do IPREM diario por día de asistencia, acumulable, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas indicadas no obxecto da subvención, e que reúnan os requisitos exixidos para cada tipo de bolsa ou axuda.
Terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada, na data de validación da acta de selección do alumnado polas oficinas de emprego.
Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas no momento de validación da acta de selección polas oficinas de emprego naqueles procedementos e supostos en que estea permitida a participación de persoas traballadoras ocupadas, adquiran a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o período de
desenvolvemento da acción formativa.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.