Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Formación e práctica
Bolsas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C - 2025
Código: TR301V
Data de publicación: 30/10/2025
Inicio solicitude: 01/11/2025
Remate solicitude: 02/11/2026
Entidade promotora: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto regular as subvencións en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal, financiadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Descrición da axuda

As tipoloxías de bolsas e axudas son as seguintes:

1.- Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:

  • Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.
  • Membros integrantes dunha familia numerosa.
  • Membros integrantes dunha familia monoparental.
  • Vítimas de violencia de xénero.

2.- Axudas por participar na acción formativa:

  • Para transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.
  • Para manutención.
  • Para aloxamento e manutención.
  • Para conciliación.

Os distintos tipos de subvención por participar nunha acción formativa son compatibles e acumulables entre si, coas seguintes excepcións:

a) As bolsas de asistencia para persoas cunha discapacidade recoñecida nun grao igual
ou superior ao 33 %, así como as destinadas a persoas que formen parte dunha familia
monoparental ou numerosa, son excluíntes entre si e non se poderán percibir simultánea
e acumulativamente.

b) A axuda por transporte público e a axuda por transporte en vehículo propio son incompatibles entre elas.

Deberá existir un mínimo acumulado de 100 € por persoa desempregada participante nas accións formativas para proceder á tramitación das bolsas e axudas. Naqueles supostos en que, pola duración do curso ou do período de concorrencia do feito causante os días de asistencia á formación non permitan chegar ao dito mínimo de 100 € por persoa, a tramitación realizarase ao remate da acción formativa pola fracción correspondente.

Nas actividades presenciais, o dereito do alumnado a percibir as bolsas e axudas referirase a cada día de asistencia debidamente acreditada a través dos medios de control de presenza autorizados.
Non se aboarán bolsas e axudas por aquelas sesións presenciais en que, con carácter xustificado ou non xustificado, a ausencia total ou parcial da persoa alumna teña a consideración de falta de asistencia.

O alumnado que participe en accións formativas impartidas, total ou parcialmente, na modalidade de teleformación, ou mediante aula virtual, terá dereito a percibir, sempre que quede debidamente acreditada a súa participación ou asistencia e cumpra cos requisitos necesarios para a súa obtención, as seguintes bolsas e axudas: bolsa de asistencia por discapacidade, bolsa de asistencia por ser membro dunha familia monoparental ou numerosa, axuda por conciliación e bolsa a vítimas de violencia de xénero.

Así mesmo, terá dereito a percibir, de ser o caso, axudas por transporte, para manutención ou por aloxamento e manutención, naquelas sesións en que a actividade formativa requira a presenza física das persoas alumnas participantes.

Na formación que se imparta mediante aula virtual na cal estea autorizada a asistencia dos participantes á aula física, estes só terán dereito, independentemente da súa asistencia física ou virtual, a percibir as bolsas e axudas que correspondan por aula virtual.

Para os efectos desta orde, a denominación de modalidade de teleformación correspóndese coa denominación de modalidade virtual aplicada na normativa que desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional.

Para o cálculo do tempo de asistencia, número de días, na modalidade de teleformación, será de aplicación a seguinte fórmula:

(Días de teleformación planificados na programación * Nº controis realizados pola/o
alumna/o) / Nº total de controis que se van realizar.

As persoas traballadoras desempregadas que pertenzan a algún dos seguintes colectivos terán dereito a percibir unha bolsa de 9 € por día de asistencia:

a) Ter a consideración de persoas con discapacidade de acordo co disposto no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

b) Ser membro integrante de familia numerosa.

c) Ser membro integrante dunha familia monoparental.

A contía máxima que se vai percibir por este tipo de bolsa será de 9 € por día de asistencia, independentemente de que a persoa desempregada pertenza simultaneamente a máis dun dos colectivos sinalados.

Colectivo obxectivo

Persoas desempregadas

Persoas beneficiarias

Serán persoas beneficiarias as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde, así como os particulares establecidos para cada tipo de bolsa ou axuda.

Terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada na data de inicio da acción formativa.

Poderán obter a condición de beneficiarias tamén as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas, adquiran posteriormente a condición de persoas traballadoras
desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral
como non ocupada durante o período de desenvolvemento da acción formativa.