Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Inserción| Mellora da empregabilidade
Prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero - 2025
Código: SI434A
Data de publicación: 20/01/2025
Inicio solicitude: 21/01/2025
Remate solicitude: 31/12/2025

Entidade promotora:

Consellería de Política Social e Igualdade

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das axudas para proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantivese sobre elas unha relación de
dominación e/ou de explotación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, e axudalas a romper coa situación de violencia, dominación e/ou explotación, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura da situación en que corren perigo e/ou están sendo explotadas.

Descrición da axuda

A axuda consiste nunha prestación económica destinada directamente á persoa beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de doce (12) mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período comeza o mes da solicitude.

A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, de acordo coas seguintes especificacións:

a) Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

1º. Con carácter xeral: 600 euros/mes.

2º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 650 euros/mes.

3º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 700 euros/mes.

4º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 700 euros/mes.

5º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 800 euros/mes.

6º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 800 euros/mes.

b) Se os ingresos da solicitante son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

1º. Con carácter xeral: 300 euros/mes.

2º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 350 euros/mes.

3º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.

4º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 400 euros/mes.

5º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 500 euros/mes.

6º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 500 euros/mes.

c) Se os ingresos da solicitante son superiores a 1,5 veces o IPREM vixente e iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

1º. Con carácter xeral: 200 euros/mes.

2º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 250 euros/mes.

3º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 300 euros/mes.

4º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 300 euros/mes.

5º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.

6º. Cando a solicitante tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro: 400 euros/mes.

Non se considerarán a cargo as/os menores emancipados e/ou con ingresos mensuais brutos superiores ao IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Colectivo obxectivo

Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias as mulleres:

a) Maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación.

Para os efectos desta axuda tamén terán a consideración de vítimas de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interposita persona, con resultado de morte.

b) Estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, no caso de mulleres estranxeiras, ter residencia legal en España.

c) Ter cesado a convivencia co agresor ou a vinculación coa/s persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

O intervalo temporal establecido no parágrafo anterior non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interposita persona con resultado de morte.

Nos casos de falecemento do agresor, o intervalo temporal será igualmente de doce (12) meses, tanto para o feito en si do propio falecemento como da ruptura da convivencia.

d) Que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero fose adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

O intervalo temporal establecido no parágrafo anterior non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interposita persona con resultado de morte.

No caso de acreditar a situación de violencia de xénero cunha orde de protección ou medida cautelar, esta deberá estar vixente na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda.

e) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.