Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación| Inserción
Subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas - 2025
Código: SI461A
Data de publicación: 20/01/2025
Inicio solicitude: 21/01/2025
Remate solicitude: 20/01/2025

Entidade promotora:

Consellería de Política Social e Igualdade

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de doce  mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.

A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Descrición da axuda

A contía da subvención que se lles concederá ás entidades locais beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de doce mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social por conta da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.

O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se realicen a tempo parcial.

Non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

O número máximo de contratacións que se vai subvencionar por cada entidade solicitante establécese, segundo a poboación do ámbito territorial da entidade, de acordo co seguinte:

a) Ata 5.000 habitantes: 1 contratación.

b) Entre 5.001 e ata 20.000 habitantes: ata un máximo de 2 contratacións.

c) Entre 20.001 e ata 50.000 habitantes: ata un máximo de 4 contratacións.

d) Máis de 50.000 habitantes: ata un máximo de 6 contratacións.

Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación con data do 1 de xaneiro de 2024.

O importe destas subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da acción que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta orde serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Para os efectos desta orde, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor e que acrediten a situación de violencia mediante algún dos documentos establecidos.

Colectivo obxectivo

Mulleres | Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locaisde Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.