Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para garantir a continuidade dos oficios artesanais en Galicia e mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas desempregadas nestes oficios, a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional.
Os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de persoas en oficios artesanais mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
Descrición da axuda
Serán subvencionables as contratacións por conta allea de persoas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional en oficios artesanais.
Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.
Serán subvencionables tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude destas axudas, sempre que se cumpran os requisitos establecidos.
O período durante o que se teñen que realizar os contratos formativos para ser subvencionables será desde o 16 de outubro de 2025 ata o 30 de outubro de 2026.
No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará no prazo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da notificación da concesión da axuda, e en todo caso, o 30 de outubro de 2026.
No caso de que o prazo dun mes para a realización dos contratos fose mis alá do 30 de outubro de 2026, esa será en todo caso a data límite para contratar (30.10.2026).
O número máximo de contratos subvencionables establécese en 3.
As contías máximas do incentivo á contratación por 12 meses a xornada completa que se concederá con carácter xeral serán as seguintes:
a) Incentivo á contratación para as persoas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
b) Incentivo á contratación para as persoas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
c) Incentivo á contratación para as persoas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
A contía da subvención toma como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. O salario que percibirán as persoas contratadas será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e a titulación requirida para o posto subvencionado.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas ao abeiro deste programa os obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís, que contraten persoas traballadoras por conta allea, de acordo cos requisitos e condicións establecidas.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.