Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para abordar accións de fomento de emprego en colaboración con entidades locais para a contratación durante nove meses de persoas mozas, inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.
Descrición da axuda
Os servizos que se desenvolvan deberán posibilitarlles ás persoas contratadas a realización dun traballo efectivo en tarefas relacionadas cos fins das entidades beneficiarias (tanto entidades locais como organismos intermedios), que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo, e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia europea (entenderase por actividade económica calquera actividade consistente na subministración de bens ou servizos nun mercado determinado).
Efectuada a selección das persoas mozas traballadoras na forma prevista, a entidade local beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego, tendo en conta que os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, con anterioridade á finalización do prazo previsto (30 de outubro de 2026).
Cada contrato terá unha duración mínima de nove meses e unha xornada laboral do 100 %, e ese será o período laboral máximo subvencionable para cada contrato.
Para a determinación da contía das subvencións e a súa xustificación, empregarase un método de custos simplificados consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a) e i) do Regulamento (UE) 2021/1060, conforme o cal se establece un custo unitario por cada persoa moza contratada a tempo completo durante o período mínimo de 9 meses establecido no art. 6.c). En particular, para o cálculo do custo unitario, tomáronse como referencia as bases mínimas de cotización vixentes, segundo o grupo de cotización en que se atopen as persoas mozas traballadoras en cuestión, máis a cotización empresarial á Seguridade Social para os contratos de duración determinada, resultando as seguintes contías:
| Grupos de cotización | Custo unitario
(9 meses) |
|---|---|
| 1. Enxeñeiros/as e licenciados/as | 23.606,03 € |
| 2. Enxeñeiros/as técnicos/as, peritos e axudantes titulados/as | 19.576,17 € |
| 3. Xefes/as administrativos/as e de taller | 17.030,80 € |
| 4 a 10. Axudantes non titulados/as, oficiais administrativos/as, subalternos/as, auxiliares administrativos/as, oficiais e peóns/peoas | 16.902,64 € |
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarios os concellos de Galicia, como entidade local básica da organización territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia.
Terase en conta a iniciativa galega de concellos emprendedores, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.