Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación| Inserción| Programas cooperación
Programa de emprego con apoio - 2024
Código: TR342A
Data de publicación: 05/06/2024
Inicio solicitude: 06/06/2024
Remate solicitude: 30/09/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases reguladoras e convocar as axudas establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ás entidades promotoras de programas de emprego con apoio para financiar os custos laborais e da Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto no caso de novas contratacións como no caso de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.

Descrición da axuda

Este programa subvenciona ás entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio no financiamento dos custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto nos casos de novas contratacións como nos casos de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.

Trátase de favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social con especiais dificultades para a súa inserción laboral, favorecendo a súa integración en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a  implementación de accións de emprego con apoio. Exclúense os centros de traballo das administracións públicas e das entidades vinculadas ou dependentes delas.

As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:

a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada, elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.

b) Labores de achegamento e axuda mutua entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.

c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar coa contorna laboral nas mellores condicións.

d) Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.

e) Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e a permanencia no emprego.

f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.

As persoas destinatarias finais que reciben as accións de apoio prestadas polas persoas preparadoras laborais serán traballadores e traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que figuren inscritas nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados, así como traballadores e traballadoras con discapacidade procedentes de centros especiais de emprego ou persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes de empresas de inserción.

Tamén serán beneficiarias as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria, sempre que, en todos os casos, se atopen nalgún dos supostos que se describen na Orde.

Os incentivos destinaranse a financiar os custos derivados da contratación das persoas preparadoras laborais que se xerasen ou se xeren durante o desenvolvemento das accións do emprego con apoio, dentro do período subvencionable, que abrangue entre o 1.10.2023 e o 30.9.2024, correspondendo os seguintes importes:

a) 8.500 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na alínea a.1) do artigo 8, contratada a xornada completa.

b) 5.500 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na alínea a.2) do artigo 8, contratada a xornada completa.

c) 3.500 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas nas alíneas b), c) ou d) do artigo 8, contratada a xornada completa.

d) 1.625 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na alínea e) do artigo 8, contratada a xornada completa.

A contía base pola persoa preparadora laboral establécese en función do número das persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social ou de persoas con discapacidade apoiadas co tipo e grao indicados no artigo 8.

A contía base reducirase proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibe o apoio, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

Así mesmo, a contía base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a continuación, segundo se dean as seguintes circunstancias (acumulables entre si) na persoa preparadora laboral contratada:

a) Un 25 %, se é unha muller.

b) Un 25 %, se é persoa maior de 45 anos.

c) Un 25 %, se é persoa emigrante retornada ou estranxeira.

d) Un 25 %, no caso de que o centro de traballo da entidade solicitante estea situado nun concello rural.

e) Un 25 %, se é persoa trans.

Colectivo obxectivo

Persoal técnico de apoio | Persoas con discapacidade

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as seguintes entidades:

1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o  correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio e que cumpran os requisitos establecidos.

2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.

Tamén as empresas de inserción, debidamente inscritas no Rexistro de empresas de inserción que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes do cadro de persoal da mesma empresa ou doutras empresas de inserción.

3. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídas as persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que poidan ser beneficiarias das accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que cumpran os requisitos establecidos e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.