Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das axudas ás entidades promotoras de programas de emprego con apoio para financiar os custos laborais e da Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto no caso de novas contratacións como no caso de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.
Enténdese por emprego con apoio o conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que lles prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais ou similares características e que conten con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Descrición da axuda
Este programa subvenciona as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio no financiamento dos custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto nos casos de novas contratacións como nos casos de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.
Trátase de favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social con especiais dificultades para a súa inserción laboral, favorecendo a súa integración en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a implementación de accións de emprego con apoio.
As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:
a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada, elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.
b) Labores de achegamento e axuda mutua entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.
c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar co contorno laboral nas mellores condicións.
d) Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
e) Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e a permanencia no emprego.
f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.
As persoas que reciben as accións de apoio prestadas polas persoas preparadoras laborais serán traballadores e traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que figuren inscritas nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados, así como traballadores e traballadoras con discapacidade procedentes de centros especiais de emprego ou persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes de empresas de inserción.
Tamén serán beneficiarias as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria, sempre que, en todos os casos, se encontren nalgún dos supostos que se describen a continuación:
a.1) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
a.2) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
c) Persoas xordas e con discapacidade auditiva cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
d) Persoas en situación ou en risco de exclusión social recoñecido polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia que non teñan ningunha das discapacidades indicadas nas letras anteriores.
e) Persoas con capacidade intelectual límite.
As accións de emprego con apoio levaranas a cabo persoas preparadoras laborais que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de, polo menos, un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que as capacite para a realización das funcións propias do seu posto.
O tempo de atención a cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social non poderá ser inferior á porcentaxe da xornada de traballo da dita persoa traballadora que se relaciona a continuación:
a) Un terzo, no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
b) Un quinto, no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.
c) Un oitavo, no caso de persoas traballadoras:
– Con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
– Persoas xordas e con discapacidade auditiva cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
– Persoas en situación ou risco de exclusión social.
d) Un doceavo, no caso de persoas con capacidade intelectual límite.
Os incentivos desta subvención destinaranse a financiar os custos derivados da contratación das persoas preparadoras laborais que se xerasen ou se xeren durante o desenvolvemento das accións do emprego con apoio, dentro do período subvencionable, que abrangue entre o 1.10.2024 e o 30.9.2025, corresponden os seguintes importes:
A contía base pola persoa preparadora laboral establécese en función do número das persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social ou de persoas con discapacidade apoiadas, co tipo e grao indicados.
a) 11.083,33 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na alínea a.1) do artigo 8, contratada a xornada completa.
b) 6.650 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na alínea a.2) do artigo 8, contratada a xornada completa.
c) 4.156,25 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas nas alíneas b), c) ou d) do artigo 8, contratada a xornada completa.
d) 1.625 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na alínea e) do artigo 8, contratada a xornada completa.
A contía base reducirase proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibe o apoio, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.
Así mesmo, a contía base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, segundo se dean as seguintes circunstancias (acumulables entre si) na persoa preparadora laboral contratada:
a) Un 25 % se é unha muller.
b) Un 25 % se é persoa maior de 45 anos.
c) Un 25 % se é persoa emigrante retornada ou estranxeira.
d) Un 25 % no caso de que o centro de traballo da entidade solicitante estea situado nun concello rural.
e) Un 25 %, se é persoa trans.
No suposto de ter dereito a un ou varios incrementos, aplicaranse os indicados na solicitude, salvo que da documentación achegada quede acreditado o dereito á aplicación dalgún incremento superior.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán promover proxectos de emprego con apoio e ser beneficiarias destas subvencións as seguintes entidades:
1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración, coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio e que cumpran os requisitos establecidos.
2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no Rexistro administrativo de centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.
3. Tamén as empresas de inserción, debidamente inscritas no Rexistro de empresas de inserción da Comunidade Autónoma de Galicia, que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes do cadro de persoal da mesma empresa ou doutras empresas de inserción.
4. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídas as persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que poidan ser beneficiarias das accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.