Tipo de axuda:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral, dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral.
Descrición da axuda
As persoas destinatarias finais dos programas subvencionados a través desta orde serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.
Entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia co agresor e acrediten a situación de violencia a través de calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Terán preferencia, de ser o caso, para a incorporación ao programa as mulleres con orde de protección e/ou medidas cautelares vixentes no momento de incorporación ao programa. Para estes efectos, a Consellería de Política Social e Igualdade poderá realizar as comprobacións oportunas a través do punto de coordinación das ordes de protección e do sistema de rexistros administrativos de apoio á Administración de xustiza.
Serán subvencionables os programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral.
Nestes programas establécese de xeito obrigatorio un obxectivo cuantitativo de inserción laboral das mulleres participantes neles, que será de, polo menos, o 10 % das participantes, que deberán acadar a súa inserción laboral no período subvencionable, e segundo o disposto.
Non obstante, cando a totalidade de mulleres participantes no programa acrediten, ademais da condición de vítima de violencia de xénero, unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, o obxectivo de inserción será dun 5 %.
Ademais, os programas que se desenvolvan deberán incluír de xeito obrigatorio algunha das actuacións previstas no itinerario de inserción de cada usuaria e as bolsas para as participantes do programa, recollidos nas letras a) e d) seguintes, e poderán incluír tamén algunha das outras actuacións previstas nas letras b) e c) seguintes
Actuacións dos programas:
a) Itinerario de inserción.
b) Formación para o emprego.
c) Actuacións de apoio á conciliación.
d) Bolsas para as participantes no programa.
Considerarase inserción laboral das mulleres atendidas cando, durante o prazo de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses, ou inicien durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.
Para a determinación do importe das subvencións establécense os seguintes módulos:
a) Módulo para o itinerario de inserción:
Neste módulo, a asignación da subvención será de 22,02 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por persoal técnico con titulación universitaria, titulación superior de formación profesional complementada con experiencia profesional e/ou formación especializada ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á titulación referida, respectando, en todo caso, as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión, en todos os postos en que así estea establecido pola normativa legal.
O citado custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase, ata un máximo de 1.290 horas por profesional, para o período subvencionable de 9 meses, que se corresponden coa dedicación dun/unha profesional a xornada completa. Neste suposto será necesario acreditar durante todo o programa, un número mínimo de 20 mulleres participantes, das cales o 60 % (12) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no seu itinerario de inserción.
Este número de mulleres atendidas previsto nesta orde incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.
b) Módulo para accións de formación para o emprego:
Este módulo comporta para o seu desenvolvemento a presenza de monitorado, e/ou titorización no caso de teleformación. A asignación do módulo será de 22,02 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos e indirectos.
Os importes establecidos corresponderán integramente cando teñan dereito á certificación acreditativa pola súa realización un mínimo de cinco participantes. A este respecto, entenderase que xeran dereito ao certificado acreditativo da realización da acción formativa as participantes que asistisen, como mínimo, ao 60 % do total das horas de duración da dita acción ou, no caso de teleformación, que executasen, polo menos, o 60 % dos contidos dentro do período formativo, de ser o caso.
As accións formativas previstas neste módulo de formación para o emprego deberán ter unha duración mínima de 8 horas, e estaren iniciadas e finalizadas dentro do período subvencionable sinalado.
c) Módulo para medidas de apoio á conciliación:
Este módulo terá una asignación de 17,11€/hora por servizo de conciliación efectivamente prestado máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos.
d) Módulo para bolsas de participación:
Este módulo terá unha asignación de 50 € ao mes por participante, sempre que acredite a súa inclusión e participación activa no programa durante un mínimo de 20 días naturais do mes correspondente.
A entidade beneficiaria realizará o pagamento destas bolsas mensualmente ás participantes, unha vez acreditado o dereito á bolsa segundo o disposto, e con data límite do día 15 do mes seguinte ao que corresponda o aboamento.
A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 80.000 euros.
A contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada, unha vez aplicados os criterios establecidos:
- Entre 100 e 95 puntos: 100 % do gasto subvencionable.
- Entre 94 e 85 puntos: 90 % do gasto subvencionable.
- Entre 84 e 75 puntos: 80 % do gasto subvencionable.
- Entre 74 e 65 puntos: 70 % do gasto subvencionable.
- Entre 64 e 55 puntos: 60 % do gasto subvencionable.
- Entre 54 e 45 puntos: 50 % do gasto subvencionable.
- Entre 44 e 35 puntos: 40 % do gasto subvencionable.
- Entre 34 e 25 puntos: 30 % do gasto subvencionable.
Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 25 puntos.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser destinatarias as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos nesta orde e que, de xeito particular, deben cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro. c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.
Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.