Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación| Inserción| Programas cooperación
Subvencións ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero - 2023
Código: SI461B
Data de publicación: 28/06/2023
Inicio solicitude: 29/06/2023
Remate solicitude: 29/07/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

As axudas reguladas por esta Resolución teñen por obxecto promover a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Descrición da axuda

A contía da subvención que lles concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a) i) do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario, en función do grupo de cotización en que se encontren as traballadoras en cuestión, calculado como un múltiplo do IPREM máis a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo o seguinte cadro:

Tipos de custo unitarioIPREMCusto salarial mensualSeguridade Social (31,6%)Custo unitario mensual
Custo unitario 1: grupos de cotización 1 ao 43 veces IPREM2.100,00€663,60€2.763,60€
Custo unitario 2: grupos de cotización 5 ao 92 veces IPREM1.400,00€442,40€1.842,40€
Custo unitario 3: grupos de cotización 10 e 111,5 veces IPREM1.050,00€333,80€1.391,80€

O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta resolución serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que acrediten a situación de violencia a través de calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor, se é o caso.

Colectivo obxectivo

Mulleres | Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias da subvención:

a) As entidades sen ánimo de lucro.

b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o disposto na disposición adicional cuarta da Lei 14/2011, de 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.