Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Inserción| Programas cooperación
Subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia
Código: TR332A
Data de publicación: 28/06/2023
Inicio solicitude: 29/06/2023
Remate solicitude: 29/07/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

As axudas reguladas por esta Orde teñen por obxecto apoiar o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses.

Enténdese por programas integrados de emprego con intermediación laboral aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as seguintes accións:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación.

c) Técnicas de coaching, intelixencia emocional, e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.

d) Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.

e) Fomento da capacidade emprendedora.

f) Prospección empresarial.

g) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

h) Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas. O número mínimo de persoas demandantes que deberán levar a cabo as prácticas é de 15.

i) Obradoiros sobre mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos dispoñibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea (rede Eures), así como outros que informen as persoas usuarias das posibilidades de inserción laboral ao ampliar o ámbito xeográfico de busca de emprego fóra do concello de residencia.

Descrición da axuda

Distínguense os dous seguintes tipos de programas:

A) Programas integrados destinados exclusivamente a mulleres de calquera dos colectivos especificados na seguinte alínea.

B) Programas integrados destinados a persoas desempregadas pertencentes aos seguintes colectivos prioritarios:

a) Persoas con discapacidade.

b) Persoas en risco de exclusión social e persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.

c) Mulleres coa condición de vítimas de violencia de xénero.

d) Persoas menores de 30 anos con baixa cualificación.

e) Persoas menores de 30 anos cualificadas.

f) Persoas maiores de 45 anos.

g) Persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia non incluídas na letra b).

h) Persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.

i) Persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, presentado nos doce meses anteriores á publicación desta orde.

j) Mulleres.

k) Persoas desempregadas de longa duración.

l) Persoas inmigrantes.

m) Persoas desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores.

A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.200,00 euros por cada persoa desempregada participante.

Ademais, establecerase na resolución de concesión unha redución no importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función das persoas demandantes de emprego inseridas e atendidas, de acordo coa seguinte fórmula:

– Factor inseridos: 0,70 (70 % do total da subvención).

– Factor atendidos: 0,30 (30 % do total da subvención).

Importe total da subvención = (custo persoa inserida * nº persoas inseridas) + (custo persoa atendida * nº de persoas atendidas).

Colectivo obxectivo

Mulleres | Persoas con discapacidade | Persoas desempregadas | Persoas desempregadas longa duración | Persoas en risco de exclusión | Persoas maiores 45 anos | Persoas mozas SNGX | Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:

a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2022 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto. Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.