Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación| Inserción| Programas cooperación
Subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero - 2024
Código: SI461B
Data de publicación: 20/08/2024
Inicio solicitude: 21/08/2024
Remate solicitude: 20/09/2024

Entidade promotora:

Consellería de Política Social e Igualdade

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto convocar as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento reforzandom ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Descrición da axuda

A contía da subvención que se concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a) i) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario mensual, en función do grupo profesional en que se atopen as traballadoras en cuestión, calculado segundo o disposto no Convenio colectivo de acción e intervención social 2022-2024 máis a cotización empresarial á Seguridade Social, no caso de que non se atope bonificada, segundo o seguinte cadro:

Grupo profesionalCusto salarial mensualSeguridade Social (31,48%)Custo unitario mensual
Custo unitario: Grupo profesional 12.054,66€646,81€2.701,47€
Custo unitario: Grupo profesional 21.854,25€583,72€2.437,97€
Custo unitario: Grupo profesional 31.625,51€511,71€2.137,22€
Custo unitario: Grupo profesional 41.417,01€446,07€1.863,08€

Para o caso de contratos de substitución das traballadoras inicialmente contratadas, sempre que se cumpran as condicións da disposición adicional novena do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas, os custos unitarios serán unicamente os custos salariais mensuais, sen ter en conta a cotización á Seguridade Social.

O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

Como criterios xerais, e para os efectos de poder asignar correctamente o custo unitario que corresponda en cada caso, indícanse as características de titulación e postos que se ocuparán dos distintos grupos profesionais.

a) Grupo profesional 1:

1º. Formación: titulación universitaria.

2º. Os postos, a título orientativo, poderían comprender: economista, educadora social, graduada social, psicóloga, traballadora social ou calquera que sexa a denominación que en cada organización se utilice, sempre e cando corresponda coa titulación solicitada ou calquera similar dentro das titulacións universitarias.

b) Grupo profesional 2:

1º. Formación: formación profesional superior ou de grao medio.

2º. Neste grupo inclúense actividades profesionais análogas ás referidas a continuación a título orientativo: técnica en integración social, técnica en animación sociocultural, programadora informática, técnica de administración e finanzas, cociñeira titulada, técnica administrativa, ou calquera que sexa a denominación que en cada organización se utilice, sempre e cando corresponda coa titulación solicitada ou calquera similar dentro das titulacións universitarias.

c) Grupo profesional 3:

1º. Formación: requírese competencia derivada da formación académica e/ou profesional de grao medio ou equivalente.

2º. Neste grupo inclúense actividades profesionais análogas ás referidas a continuación a título orientativo: monitora de programa ou obradoiro, auxiliar de servizo de axuda a domicilio, auxiliar sociosanitaria, traballadora familiar, axudante de cociña, persoal de mantemento, auxiliar administrativa, ou calquera que sexa a denominación que en cada organización se utilice, sempre e cando corresponda coa titulación solicitada.

d) Grupo profesional 4:

1º. Formación: a formación básica exixible é a educación secundaria obrigatoria.

2º. Neste grupo inclúense actividades profesionais análogas as seguintes: portería, ordenanza, conserxe, persoal de limpeza, persoal de almacén e repartidor, telefonista, ou calquera que sexa a denominación que en cada organización se utilice, sempre e cando corresponda coa titulación solicitada.

O número máximo de contratacións que se subvencionará por cada entidade solicitante establécese en dúas contratacións.

As persoas destinatarias finais serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Colectivo obxectivo

Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións:

a) As entidades sen ánimo de lucro.

b) As cooperativas sen ánimo de lucro, segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.