Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Contratación| Inserción| Programas cooperación
Subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro - 2024
Código: TR352A
Data de publicación: 12/08/2024
Inicio solicitude: 13/08/2024
Remate solicitude: 12/09/2024

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por obxecto convocar as subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Descrición da axuda

Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social e cumprir os seguintes requisitos:

a) Seren prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.

c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, esta duración máxima poderá estenderse ata os doce meses.

As subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero poderán ter unha duración de doce meses, que deberá iniciarse dentro do exercicio 2024.

e) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria.

f) Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.

g) Tendo en conta a súa natureza e finalidade, estes contratos non poderán realizarse baixo a modalidade de teletraballo ou traballo a distancia.

Considérase que os servizos se desenvolven no marco de proxectos singulares se son promovidos por entidades que cumpran, como mínimo, unha das seguintes condicións:

a) Prestar servizos a entidades prestadoras de servizos sociais, no ámbito autonómico (federacións).

b) Prestar servizos a colectivos de máis dunha área de actuación (RUEPSS), no ámbito autonómico.

c) Prestar servizos a persoas con discapacidade, inclusión, en risco de exclusión social, comunidade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, e ter 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal.

En todo caso, será a entidade solicitante a que opte por un proxecto ordinario ou un proxecto singular na súa solicitude.

Os contratos subvencionables cubrirán os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.

A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos termos seguintes.

A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato, cun mínimo de 9 meses, e polo importe do módulo que corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala en que se conteñen os importes máximos subvencionables ao abeiro desta convocatoria:

- Para o grupo de cotización 1: 2.815,00 €.

- Para o grupo de cotización 2: 2.450,00 €.

- Para o grupo de cotización 3: 2.245,00 €.

- Para o grupo de cotización 4: 1.972,00 €.

- Para o grupo de cotización 5: 1.950,00 €.

- Para o grupo de cotización 6: 1.920,00 €.

- Para o grupo de cotización 7: 1.890,00 €.

- Para o grupo de cotización 8: 1.860,00 €.

- Para o grupo de cotización 9: 1.830,00 €.

- Para o grupo de cotización 10: 1.800,00 €.

No caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, a contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada.

Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratada, que reúna os requisitos para percibila.

Establécense como límites á contratación de persoas traballadoras, en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, agás no caso de entidades con proxectos singulares, os seguintes:

a) Entidades con proxectos singulares: máximo 9 contratos.

b) Entidades de ámbito autonómico con 3 ou máis centros de traballo, inscritos no RUEPSS e localizados en 2 ou más provincias da Comunidade Autónoma de Galicia: máximo 6 contratos.

c) Entidades de ámbito autonómico que non cumpran os criterios da alínea b): máximo 4 contratos.

d) Entidades de ámbito provincial con 3 ou máis centros de traballo: máximo 4 contratos.

e) Entidades de ámbito provincial que non cumpran os criterios da alínea d): máximo 3 contratos.

f) Entidades de ámbito comarcal ou municipal: máximo 2 contratos.

Establécese un límite máximo da contía da subvención por entidade de 210.000 €.

Colectivo obxectivo

Persoas desempregadas | Vítimas violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro que, na data de achega da solicitude, estean inscritas e coa información do ano 2023 actualizada, na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, nas áreas de comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade e cuxa actividade principal estea dirixida directamente, e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres.