Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións ás entidades que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articulados en itinerarios ou plans personalizados de actuación dirixidos a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego e servizos inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral para o exercicio 2025, no ámbito da colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Descrición da axuda
Os servizos de orientación laboral realizaranse de forma principalmente presencial, segundo as indicacións que se establezan mediante a publicación de instrucións operativas, e deberán axustarse para a súa realización ao establecido no artigo 11 do Real decreto 438/2024, do 30 de abril, polo que se aproba a carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego, e os servizos garantidos, incluíndo as seguintes actividades:
A) Elaboración dun perfil individualizado: comprenderá a elaboración dun perfil individualizado da persoa usuaria que permita a súa avaliación, co apoio, entre outros elementos, de evidencias estatísticas, para a mellora da súa empregabilidade, e que facilite o ulterior deseño ben dun itinerario personalizado formativo que recolla todas as opcións dos diferentes sistemas de formación, ben dun proceso de busca activa de emprego. A elaboración do perfil individualizado realizarase mediante o diagnóstico da situación de partida da persoa usuaria, que comprenderá unha atención personalizada, para identificar as súas habilidades, competencias, formación e experiencia profesional, así como a súa idade ou pertenza a colectivos prioritarios, os seus intereses, a súa situación familiar, ámbito territorial, tempo e motivos de desemprego, percepción de prestacións ou axudas económicas á activación e calquera outra variable persoal ou social que poida ser relevante, en función das súas necesidades e expectativas. A partir deste diagnóstico elaborarase un perfil competencial onde se recollerán todas as competencias adquiridas pola persoa ao longo da súa vida. O diagnóstico resumirá a valoración realizada, destacando os factores persoais e profesionais que posicionan favorablemente a persoa usuaria na consecución do seu obxectivo profesional, así como os principais obstáculos de acceso ao emprego, incluídas as posibles desigualdades que puidese sufrir por razón de xénero, pertenza a colectivos de atención prioritaria ou outro condicionante sociocultural.
B) Titorización individual, asesoramento continuado e atención personalizada que estará libre de prexuízo e estereotipos de calquera índole, especialmente de xénero, idade e discapacidade, orientación sexual, identidade de xénero, lingua e orixe nacional ou étnico, e prestará atención ás necesidades específicas das distintas etapas vitais, en particular aquelas que producen maior alonxamento do mercado laboral, como a maternidade e o coidado de persoas menores ou maiores ou as causadas pola situación sociosanitaria das persoas e/ou dos tratamentos prescritos a estas.
C) Itinerario ou plan personalizado de actuación adecuado ao perfil da persoa demandante dos servizos de emprego, que detallará as principais actividades propostas co obxecto de mellorar a empregabilidade da persoa usuaria, e incluirá información concreta sobre a formación específica dispoñible nos distintos sistemas de formación tendo en conta as necesidades do sistema produtivo, o emprego local e os sectores emerxentes ou estratéxicos ou, de ser o caso, iniciativas de emprendemento, autoemprego e economía social, así como as súas necesidades de conciliación corresponsable da vida familiar e laboral. O itinerario prestará especial atención á eliminación de nesgos e estereotipos de calquera índole, especialmente de xénero, idade, discapacidade, orientación sexual, identidade de xénero, lingua e orixe nacional ou étnica.
D) Deseño, planificación e execución de accións grupais de orientación laboral que poidan ser de interese, en función dos perfís das persoas orientadas, tanto para mellorar a eficiencia do servizo como para fomentar a interrelación e o intercambio de experiencias entre elas.
E) Apoio á xestión da mobilidade laboral.
F) Coordinación e colaboración co resto de persoal de orientación laboral e coa Rede de persoal técnico de emprego de Galicia para o intercambio de información e boas prácticas no eido do emprego, o emprendemento, a análise e prospección do mercado laboral e a captación de ofertas de traballo.
G) Mellora continuada das súas propias competencias e recursos profesionais para a orientación laboral a través da participación nas accións de formación e capacitación específicas que se determinen desde a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de 31.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.
No caso das entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades estatutarias ou fundacionais e se dediquen prioritaria e habitualmente á realización de actividades de atención a persoas con discapacidade, e en consideración ás especialidades no desempeño dos servizos de orientación que require este colectivo para garantirlle as mesmas posibilidades de atención e utilización dos servizos de orientación laboral en todo o seu territorio de actuación, a contía establecida será de 32.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.
Adicionalmente, subvencionaranse os gastos que se xeren polo desenvolvemento das actividades do servizo de orientación laboral.
As contías dos módulos será de 800 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, e incluirán os seguintes conceptos:
1º. Gastos xerais, materiais e técnicos que se xeren na execución das accións.
2º. Formación das persoas técnicas orientadoras.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias:
a) As entidades locais, coa excepción das entidades de ámbito territorial provincial, ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha das anteriores, cuxa titularidade corresponda integramente a elas, sempre que, por si soas ou asociadas entre concellos, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2024 superior a 350 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos galegos (ou a dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).
Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración.
b) As confederacións e asociacións empresariais e as organizacións sindicais de Galicia e as fundacións delas dependentes con experiencia na realización de accións de orientación laboral.
c) As seguintes entidades sen ánimo de lucro, que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nas bases reguladoras:
- Entidades especializadas en atención a persoas con discapacidade de acordo co recollido nos seus estatutos.
- Entidades especializadas na atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de risco de exclusión social (persoas en procesos de rehabilitación de adiccións, persoas procedentes de cumprimentos de penas penitenciarias, pertencer a unha minoría étnica, muller vítima de violencia de xénero...) de acordo co recollido nos seus estatutos.
- Entidades non incluídas nas dúas liñas anteriores que teñan entre as súas finalidades a atención ao colectivo de persoas en risco de exclusión social ou situación de vulnerabilidade. As entidades deste punto que non recibisen subvencións correspondentes a este procedemento en exercicios anteriores deben acreditar que teñen entre as súas finalidades estatutarias ou fundacionais a atención ao colectivo de persoas en risco de exclusión social ou situación de vulnerabilidade e acreditar experiencia en accións de orientación laboral desenvoltas de acordo co previsto no artigo 3 das bases reguladoras durante polo menos dous anos.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.