Entidade promotora:
Obxecto da axuda
Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións ás entidades que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articulados en itinerarios de inserción ocupacional personalizados e dirixidos a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego e servizos inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral para o exercicio 2023, no ámbito da colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Descrición da axuda
Os servizos de orientación laboral que presten as entidades beneficiarias destas subvencións deberán axustarse para a súa realización ao establecido no artigo 8 do Real decreto 7/2015, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema nacional de emprego, incluíndo as seguintes actividades:
a) Diagnóstico individualizado e elaboración do perfil ocupacional da persoa demandante de emprego: comprenderá a atención específica a esta co obxecto de identificar, coa participación e compromiso da persoa demandante, os seus recursos para o emprego, compostos polas súas habilidades, competencias, formación e experiencia, os seus intereses, as súas circunstancias persoais en relación co acceso ao emprego e as posibles oportunidades profesionais, así como outras variables relevantes para a elaboración do seu perfil e a súa clasificación en función da súa dispoñibilidade, da súa ocupabilidade e da súa empregabilidade e da evolución ao longo da súa busca activa de emprego.
b) Deseño do itinerario personalizado para o emprego: consistirá na elaboración coa participación e o compromiso da persoa demandante, conforme as metodoloxías e coas ferramentas que en cada momento se determinen desde a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, do proceso que se considere máis axeitado para o seu acceso ao emprego. Este proceso definirase de acordo co seu perfil e tendo en conta criterios de conciliación da vida familiar, laboral e persoal; a situación do mercado laboral no seu ámbito de busca e as súas necesidades e expectativas, a través de criterios técnicos e estatísticos atendendo a aspectos cuantitativos e cualitativos de relevancia obxectiva, incluíndo as principais actuacións acordadas e o calendario de realización pactado coa persoa demandante, que deberá asumir un papel de protagonismo fundamental en todo o proceso, así como os elementos de verificación e seguimento.
A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de 27.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.
Colectivo obxectivo
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións:
a) As entidades locais, coa excepción das entidades de ámbito territorial provincial, ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha das anteriores, cuxa titularidade corresponda integramente a ela, sempre que, por si soas ou asociadas entre concellos, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2022 superior a 350 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos). Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración.
b) As confederacións e asociacións empresariais e as organizacións sindicais de Galicia, e as fundacións delas dependentes con experiencia na realización de accións de orientación laboral.
c) As seguintes entidades sen ánimo de lucro, que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras:
– Entidades especializadas en atención a persoas con discapacidade.
– Entidades especializadas en atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de risco de exclusión social (persoas en procesos de rehabilitación de adiccións, persoas procedentes de cumprimentos de penas penitenciarias, pertencer a unha minoría étnica, muller vítima de violencia de xénero...).
– Entidades non incluídas nas dúas liñas anteriores, que teñan entre as súas finalidades a atención, en xeral, a colectivos de persoas en risco de exclusión social ou situación de vulnerabilidade.
Con este navegador móvete á seguinte (dereita) ou anterior (esquerda) axuda publicada.