Repositorio de información sobre apoios e subvencións con significación para o emprego

Tipo de axuda:

Inserción| Programas cooperación
Subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais
Código: TR351A
Data de publicación: 14/03/2023
Inicio solicitude: 15/03/2023
Remate solicitude: 14/03/2023

Entidade promotora:

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Obxecto da axuda

Esta Orde ten por finalidade conceder as subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Descrición da axuda

As obras ou servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas aos cales se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a porcentaxe mínima de persoas traballadoras desempregadas que se vaian ocupar na realización da obra ou servizo sexa do 75 %.

d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

e) Que sexan proxectos que teñan en conta profesións que favorezan a inserción laboral.

f) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que vaian desenvolver a prestación dos servizos non supere os tres meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, de ata o 50 %, a dita duración máxima poderase estender ata os seis meses.

A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para os efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos mensuais:

Para o grupo de cotización 1: 2.700 €.

Para o grupo de cotización 2: 2.200 €.

Para o grupo de cotización 3: 2.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 1.900 €.

Para o grupo de cotización 5: 1.850 €.

Para o grupo de cotización 6: 1.820 €.

Para o grupo de cotización 7: 1.790 €.

Para o grupo de cotización 8: 1.760 €.

Para o grupo de cotización 9: 1.730 €.

Para o grupo de cotización 10: 1.700 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente.

A contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada cando os contratos se concerten a tempo parcial.

Colectivo obxectivo

Persoas desempregadas

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias desta axuda os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.